CXG acusa ao goberno municipal do PP de “provocar caos e colapso” en Doutor Teixeiro
O secretario local de Compromiso por Galicia, Maxi Vázquez, asegura que o goberno municipal do PP está a provocar “o caos e o colapso” nas rúas do Ensanche debido á súa decisión de asfaltar durante o día, en concreto na rúa Doutor Teixeiro. Desde a formación galeguista e progresista consideran que o executivo local que preside Agustín Hernández “gosta da improvisación á hora de xestionar e non fai máis que provocar problemas á veciñanza”.
Desde CxG considérase que “as obras de asfaltado son necesarias, pero deberían facerse pola noite ou en momentos en que se provoque menos trastorno aos veciños e comerciantes”.
Trato igualitario por barrios e parroquias
Ademais, desde a formación galeguista comprométense a mudar desde o concello de Santiago a actual situación de discriminación nos investimentos e reparacións. “Cando CxG estea no goberno municipal, asfaltaremos por igual en todos os barrios, que están moi abandonados, non só o Ensanche, aínda que estas obras eran necesarias. Semella que Agustín Hernández só arranxa as rúas polas que pasea”, asegurou Maxi Vázquez.











