Curso gratuíto de condución segura en Carballo o vindeiro sábado 14 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A Escudaría Máis Motor xunto coa autoescola San Martín, coa colaboración do Concello de Carballo e a Escola de Autocross ofrecen aos veciños e veciñas maiores de 18 anos a posibilidade de participar nun Curso gratuíto de Condución Segura. Os participantes poderán beneficiarse dunha aprendizaxe inicial que supón o primeiro nivel nos cursos de condución e recibirán unha serie de claves que poden contribuír á prevención de accidentes de tráfico. A actividade celebrarase o sábado 14 de marzo na área pública de estacionamento do Centro Comercial Bergantiños Gadis, que tamén colabora na iniciativa. Hai 30 prazas dispoñibles, que se cubrirán por orde de inscrición. As persoas interesadas atoparán o formulario de solicitude de praza na páxina web maismotor.com.

Os 30 participantes dividiranse en dous grupos de 15 persoas, aínda que durante a formación teórica, de 13.30 a 14.30 horas, estarán todos xuntos. Para a parte práctica do curso haberá unha quenda de 09.00 a 13.30 horas e outra de 13.30 a 19.00 horas. O obxectivo, subliña Juan Puga, presidente de Máis Motor, é o de ofrecer as ferramentas necesarias para saber “como actuar en caso de vivir algún percance na estrada”. Avanza que esta cita está enmarcada dentro do obxectivo da escudaría de “facer algo máis que carreiras” e informa de que xa hai bastantes inscritos. O Alcalde, Evencio Ferrero, asegura que este tipo de citas son “moi necesarias” para afondar na “cultura automobilística” e na “condución responsable”. Espera que se cubran todas as prazas e que a iniciativa redunde nunha maior seguridade “tanto para vehículos como para peóns”.

11 de marzo de 2015 | 20:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.