publicidade hoxe

Curso de muller e saúde en San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A Escola Galega de Saúde para a cidadanía impartiu este mércores un curso dirixido a mulleres no que se abordaron, entre outros temas, os cambios que se producen no corpo feminino coa idade e os xeitos de previr enfermidades. A actividade contou coa asistencia de 40 mulleres de todas as idades que, ademais, aprenderon sinxelos exercicios e consellos prácticos para mellorar a súa calidade de vida.

O programa formativo centrouse en temas de grande interese para ampliar información sobre como mellorar a calidade de vida e previr enfermidades comúns entre as mulleres, sobre todo co avance da idade. Así, a sesión fixo unha introdución á menopausa como un proceso natural cuxos efectos -tanto no físico como no ánimo- poden minorarse. Un momento que adoita chegar pasada a cincuentena aínda que hai factores como os hábitos de vida e a situación familiar que poden retardar o proceso ou ben facelo máis precoz. 

En calquera caso, a menopausa é tamén o o momento no que a osteoporose -a perda natural de densidade dos ósos- se empeza a acelerar debido aos cambios hormonais que sofre o corpo. Detrás da osteoporose están moitas fracturas case inexplicables que despois tardan en curar por causa da debilidade do óso. Por iso é importante previr a través da alimentación e do exercicio, e canto antes se empece, mellor. 

Na charla insistiuse na necesidade de levar unha vida saudable e de facer as revisións recomendadas cada certo tempo, especialmente as xinecolóxicas e mamarias. É prioritario facer autoexploracións regulares dos seos e acudir ao centro de saúde se se detectan vultos que antes non estaban, por pequenos que sexan. 

Como mulleres tamén debemos ser coñecedoras de como funciona o noso corpo -algo que se explicou na xornada-, dos cambios que se producen trala maternidade e co paso dos anos, sendo conscientes, ademais, de que unha parte tan importante da nosa vida como é a sexualidade non ten por que verse afectada por eses cambios, nin tampouco pola idade.

Por último, a sesión tamén serviu para dar consellos sobre saúde feminina e para aprender sinxelos exercicios cos que traballar a musculatura pélvica co obxectivo de fortalecer a zona xenito-urinaria e previr -ou reducir- as incontinencias e outros problemas asociados.

12 de marzo de 2015 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.