Cultura convida aos vilagarciáns a participar na Festa dos Maios
A Concellería de Cultura anima aos vilagarciáns a participar na Festa dos Maios que se celebrará o vindeiro 1 de maio no Parque Miguel Hernández. As persoas ou colectivos que desexen exhibir as súas composicións florais no certame dispoñen de prazo ata o día 24 de abril para inscribirse. Como se ven facendo dende hai uns anos, a Festa dos Maios non terá carácter competitivo, polo que a Concellería concederá a todos os participantes unha rosca e una compensación económica que anime á participación e contribúa a conservar esta antiga tradición galega. O certame inclúe as categorías de maio cónico, artístico, cruz de maio, caixas e barcos e poderase participar con ou sen coplillas.
As bases que rexerán a Festa dos Maios 2015 pódense consultar no Auditorio ou no taboleiro de anuncios da web municipal http://www.vilagarcia.es
Poderán participar na Festa dos Maios persoas, colectivos ou centros educativos de Vilagarcía sen limitación de número de persoas nin de idade. A suma das compensacións económicas establécense en función da categoría dos maios, do número de participantes e de si aportan letras de coplas que, en calquera caso, deberán interpretar ante o público. Así, os premios máis elevados correspóndense cos maios máis laboriosos e de maiores dimensións, como son os cónicos e artísticos. En ámbolos dous casos as axudas son de 80 euros para participantes que non acheguen letras. A os grupos que leven coplas daráselles 100 euros se suman un mínimo de 10 integrantes e 200 euros se son grupos de máis de 25 compoñentes.
Para as categorías de maios máis pequenos, como a cruz de maio, caixas e barcos, establécense axudas de 30 e 40 euros para os que participen sen copla e de 50 e 60 euros paras os que si acheguen letra e que deberán contar cun mínimo de 4 membros no grupo.
Conservar unha tradición popular
A Festa dos Maios responde a unha ancestral tradición popular galega para celebrar a chegada da primavera e agradecerlle á natureza os froitos que proporciona. O Concello de Vilagarcía trata de divulgar, promover e conservar esta tradición con fidelidade ás súas orixes, de aí que para manter todos os seus elementos característicos, nas bases do certame inclúense requisitos como que os maios deben realizarse con materiais tradicionais. Do mesmo xeito, tamén se pretende conservar a tradición ligada aos maios de interpretar cantigas de tipo festivo ou satírico. Por iso os grupos que presenten letras deberán interpretalas ante o público durante a celebración da festa.
As persoas e colectivos interesados en participar na Festa dos Maios deben inscribirse previamente nas oficinas da Concellería de Cultura, situada no Auditorio Municipal O prazo xa está aberto e remata ás 13:00 horas do 24 de abril. Os participantes deben sinalar o nome, número de participantes e, si é o caso, de concorrer con cantiga, ademais deberán aportar fotocopia das letras.
Exhibiranse no Parque Miguel Hernández
A exposición dos maios comezará ás 12 horas do 1 de maio, aínda que os participantes deberán presentar as súas composicións florais antes das 11:30 horas a efectos de poder organizar a exhibición no Parque Miguel Hernández. As actuacións realizaranse a mediodía, aínda que os maios deberán permanecer expostos ata as 20:30 horas a efectos de que o maior número posible de persoas poida admiralos. En caso de choiva, os actos trasladaranse á Praza da Peixería.