‘CoruñaMayúscula’ contará con máis de 44 horas de talleres, encontros e charlas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A concelleira de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a cuarta edición de CoruñaMayúscula, o festival da palabra que traerá á Ágora, entre o 25 e o 28 de marzo, máis de 44 horas de talleres, encontros, charlas e coloquios dedicadas á arte de contar historias de intriga e misterio. John Banville, Premio Príncipe de Asturias das Letras 2014, Loreto Silva, Toni Hill, Alfredo Conde e así ata 22 autores desvelarán os seus misterios. Ademais, como nas edicións anteriores, estes encontros con autores complementaranse con catro talleres e espectáculos a cargo de Ana I. Roncero e José Sacristán.

“Hai catro anos, puxemos en marcha un festival co que queriamos reivindicar o poder da palabra en todas as súas dimensións: libro, cine teatro, música e todas as mesturas posibles. Dende ese momento ata aquí, pasaron máis dun centenar de autores e conseguimos que as editoriais se fixen en nós á hora de programar a xira dos seus autores e situar A Coruña no mapa das presentacións literarias”, destacou a concelleira.

“Este traballo -continuou-, permitiunos contar cun padriño de excepción nesta cuarta edición de CoruñaMayúscula, que estará dedicado á literatura de intriga e misterio: John Banville, alcume Jack Black, o encargado de resucitar a Philpp Marlowe e candidato ao Nobel de Literatura. Un autor cuxo enxeño e humor recorda a Nabokov. Así, teremos a oportunidade de saber como leva esta dobre personalidade; igual que teremos a oportunidade de escoitar a Lorenzo Silva, Toni Hill ou Alfredo Conde, Neves Abarca e Elena Galván que, xunto a Diego Ameixeiras ou Aníbal Malvar son o futuro dun xénero que goza de moi boa saúde en Galicia, como demostrarán Francisco Castro, Xavier López López e Manuel Rodríguez”.

Ana Fernández tamén destacou desta edición a ampliación do número de talleres de escritura que, coa colaboración da Asociación Europea de Talleres de escritura, logrou a participación de Paolo Sortino, un dos mellores profesores da Escola Holden de Turín que dirixe Alessandro Baricco, e a suíza – canadense Sandra Huber de la Vienna Poetry School. Ademais, contarase coa participación de Ignacio Ferrando, no taller de relato e Miguel Anxo Fernán Vello no de poesía.

Pola súa banda, o coordinador da iniciativa, Pedro Ramos, debullou o programa:

Talleres

Os talleres, nos que colabora a European Asociation Creative Writing Proyects, serán impartidos por Paolo Sortino, profesor da Escola Holden de Turín, para o taller de novela. Ignacio Ferrando, coordinador do Máster de Narrativa da Escola de Escritores de Madrid, será o encargado do taller de relato, mentres que no taller de poesía os participantes terán a posibilidade de traballar co poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello. O taller de escritura multimedia impartirao a poeta suíza – canadense Sandra Huber. O horario dos talleres será: xoves e venres de 18.00 a 20.00 horas e o sábado de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas. O número de participantes de cada taller está limitado a 12 e a inscrición realizarase, por orde de chegada, a través da páxina web www.polisemias.com, onde tamén se pode encontrar máis información sobre o contido dos talleres e o Festival.

Programación

A cuarta edición do Festival CoruñaMayúscula contará cun padriño excepcional, o irlandés John Banville, o mellor escritor vivo en lingua inglesa segundo moitos críticos, que se desdobra en Benjamin Black para asinar as súas novelas negras e foi o encargado de resucitar a Marlowe, o mítico detective creado por Chandler, como protagonista da súa nova novela, La rubia de los ojos negros. O encontro cun dos sempre candidatos ao Premio Nobel de Literatura, que obtivo o Premio Booker por unha das súas novelas máis coñecidas, El mar, terá lugar o primeiro día do Festival CoruñaMayúscula, mércores 25 de marzo, ás 20.30 horas e consistirá nunha charla – entrevista co escritor Pedro Ramos.

Antes, ás 19.00 horas, e no mesmo auditorio do Centro Ágora, Lorenzo Silva, outro dos grandes da novela policíaca, conversará sobre a súa obra con Javier Pintor.

A segunda xornada do Festival, o xoves 26 de marzo, arrancará ás 12.00 horas coa Gala de entrega de Premios da Segunda Edición do Concurso de vídeo poemas Palabrasinpapel presentada por Ana Abelenda. Durante a gala proxectaranse os 13 vídeo poemas finalistas e coñecerei o mellor dos máis de 120 vídeo poemas que se recibiron de Institutos de Ensino Secundario de toda España. Esta actividade realízase en colaboración coa Concellaría de Educación.

En horario de tarde, a partir das 19.00 horas, será a quenda de que dúas autoras moi queridas na cidade, Neves Abarca e Elena Galván, a recente gañadora do Premio de literatura e ensaio Fernando Arenas Quintela, falen sobre o papel da muller neste tipo de obras. Esta conversación dará paso ao encontro co autor Toni Hill que charlará co crítico Armando Requeixo sobre a súa obra, a cal está protagonizada polo Inspector Salgado dos Mossos d´Esquadra.

O venres, 27 de marzo, ás 19.00 horas, será a quenda dun dos autores máis importantes de Galicia en canto a novela deste tipo refírese: Alfredo Conde, que recibiu o Premio Nadal e o Premio Nacional de Literatura pola súa traxectoria xornalística. Alfredo Conde compartirá escenario con Xan Arias e Ernesto Sánchez Pombo que diseccionarán as obras do primeiro, para dar paso a un combate, dialéctico, entre dúas das figuras emerxentes do panorama galego: Aníbal Malvar e Diego Ameixeiras, que abordarán, dende o humor, a diferenza entre plaxio e homenaxe no xénero negro. Ambos os dous partidarios de Philip Marlowe e Sam Spade, terán que recoñecer a importancia de Sherlock Holmes ou Agatha Christie e a súa influencia.

Para rematar a terceira xornada do Festival CoruñaMayúscula, está programado o espectáculo teatral La mujer como personaje: de Pandora a los s.XXI onde Ana I. Roncero transportaranos dende o mito heleno ata “a” Miranda do texto contemporáneo Cuando el cielo hace buñuelos de Arístides Vargas, pasando pola Medea da obra de Eurípides (século V a.C); La Celestina, de Fernando de Rojas (século XVI); a Laurencia de Fuenteovejuna, de Lope de Vega (século XVII); ou os personaxes de Adela e Poncia de La casa de Bernarda Alba, de García Lorca (século XX). Os convites para este espectáculo recolleranse na recepción do Centro Ágora durante o transcurso do Festival CoruñaMayúscula 2015. Entregaranse un máximo de dous por persoa.

A última xornada do Festival, o sábado 28 de marzo, comezará ás 19.00 horas cunha mesa redonda na que participarán o escritor e editor Francisco Castro, o escritor Xavier López López e o xornalista Manuel Rodríguez, onde se realizará a autopsia dun xénero (o negro) que goza de moi boa saúde.

Como colofón, José Sacristán representará a obra teatral Caminando con Antonio Machado, onde, o recente gañador dun Goya como Mellor Actor Secundario, acompañado polo violoncelo de Aurora Martínez, lerá os poemas máis íntimos de Antonio Machado na súa época de exilio. Os convites, un máximo dous por persoa, recolleranse na recepción do Centro Ágora durante o transcurso do Festival CoruñaMayúscula 2015.

10 de marzo de 2015 | 20:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.