publicidade hoxe

Cores Tourís comproba os traballos de mellora da Ponte de Pontecastrelo en Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambadosPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita ás obras

Cores Tourís na visita ás obras

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, comprobou esta mañá a posta en marcha dos traballos de mellora da ponte de Pontecastrelo en Cambados.

Na visita estivo acompañado do alcalde da localidade, Luis Aragunde, da alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, así como do xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, e o xefe do Servizo de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

A obra, executada a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, iníciase hoxe coa reparación da varanda mediante o lixado, galvanizado en frío e pintado da mesma.

As obras continuarán coa substitución dos postes da barreira e a colocación dunha nova estrutura que garantirá a súa instalación á altura reglamentaria. “Deste xeito, este tramo, gañará en seguridade viaria especialmente para os peóns. Estamos a falar dun importante vial de acceso á Cambados e de conexión con Ribadumia”, explicou Cores Tourís.

O orzamento destes traballos superará os 42.000 euros e agárdase que estea rematada no prazo dunha semana. “Esta ponte non recibiu ningún tratamento nin reforma dende fai 25 anos. Xa lle ía tocando. A actuación centrarase tanto en aspectos de mellora da seguridade viaria, elevando a barreira ata a altura reglamentaria, como en aspectos estéticos, xa que se pintará de azul galvanizado a varanda”, explicou pola súa banda Fausto Núñez.

Finalmente, tanto o alcalde de Cambados como a alcaldesa de Ribadumia coincidiron en agradecer a actuación á Xunta de Galicia destacando a importancia que ten esta ponte e recordando que moitos dos turistas e visitantes que acoden ata os hoteis e restaurantes da zona utilizan a ponte para cruzar e coñecer a zona histórica de Cambados, polo que é moi importante darlle unha mellor imaxe a infraestrutura e mellorar a seguridade viaria.

23 de marzo de 2015 | 17:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.