publicidade hoxe

Convenio de colaboración entre Concello e Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

O alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, e o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso Araujo, asinaron esta mañá o convenio de colaboración entre as dúas entidades para o mantemento da operatividade e prestación de servizos da agrupación no ano 2015.

O obxecto do mesmo é regular as bases de colaboración entre o Concello de Verín e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín destinado ao cumprimento dos estatutos actuais da agrupación, aprobados o pasado 11 de xuño do ano 2014 pola asemblea de voluntarios/as da mesma e o pleno municipal na sesión do 20 de xuño da mesma data, no que se estipula que a Protección Civil Municipal ten coma fin establecer unha organización en base aos recursos municipais, para garantir a coordinación preventiva e operativa da protección das persoas e bens diante dos posibles danos derivados de situacións de emerxencia, grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer as emerxencias menores, mediante a posta en marcha de distintos mecanismos que permitan evitar estas situacións, reducir os seus efectos, reparar danos e, no seu caso, contribuír a corrixir as causas produtoras das mesmas. Entre as cláusulas que regula o mesmo atópanse o financiamento dos gastos derivados do mantemento da operatividade da agrupación, a cesión da utilización dun espazo para a mesma, mentres que a agrupación comprométese a dar ou facilitar a formación necesarias aos seus membros, así como atender ás demandas de servizo que faga o Concello de Verín, a Xunta de Galicia a través do 112 e outras entidades públicas ou privadas (previa autorización do Concello de Verín), entre outras.

A sinatura de devandito convenio aséntase nos artigos 25.2 c) e 26.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local e os artigos 80,81 e 82 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración Local de Galicia establecen as competencias dos concelleiros e alcaldes en materia de protección civil para a realización de actividades diversas en situación de emerxencia; e no artigo 232 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, di que na medida en que o permitan os recursos orzamentarios, o Concello poderá subvencionar económicamente ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños, tanto polo que se refire a gastos xerais como ás actividades que realicen. Ademais, nos números 3 e 4 do artigo 30 da Constitución Española determínase que se poderá crear un servizo civil para o cumprimento de fins de interese xeral e que mediante lei regularanse os deberes dos cidadáns nos casos de grave risco, catástrofe ou calamidade pública. Para o cumprimento do establecido constitucionalmente parece necesario que, sen prexuízo do establecido na lexislación reguladora do servizo e da protección civil, se contemple o aumento dos recursos locais coa incorporación dos cidadáns ás actividades que desenvolva a protección civil municipal, ofrecéndolles así oportunidades para asumir e realizar, voluntariamente, o cumprimento dos deberes nas circunstancias aludidas anteriormente.

Por outra banda, desde a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín recórdase que toda persoa interesada en ser voluntaria da entidade verinense pode formalizar a súa inscrición a través do envío dun correo electrónico cos seus datos persoais a pcivil@verin.net; así como que a Academia Galega de Seguridade (AGASP) abriu o prazo de inscrición, ata finais deste mes, para apuntarse na realización do curso básico de Protección Civil e así poder ser voluntario/a da agrupación verinense.

17 de marzo de 2015 | 19:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.