Confemadera organiza en Santiago unha plantación con motivo do Día da Árbore

Román Rodríguez na plantación. Foto: X. Crespo
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe nunha plantación organizada por Confemadera con motivo da celebración do Día da Árbore (que terá lugar o vindeiro sábado), e que conta co apoio da Xunta de Galicia a través das Consellerías de Cultura e Educación e de Medio Rural e do Mar.
O acto, que se realizou nos exteriores do Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), consistiu na plantada de diversas especies arbóreas entre as que se atopaban castiñeiros, ameixeiras, carballos e pinos.
Ademais da presenza de nenos e nenas de distintos centros educativos, o conselleiro estivo acompañado no acto polo secretario xeral de Medio Rural e do Mar, Tomás Fernández Couto; a directora da área de Centros da Axencia Galega de Innovación, Sonia Pazos; da directora do IIAG-CSIC Galicia, Carmen Trasar, e do presidente de Confemadera Galicia, Elier Ojea.
Esta iniciativa enmárcase na campaña ‘O monte é a nosa vida, axúdanos a coidalo’ unha iniciativa de Confemadera Hábitat Galicia, que naceu en 2007, co obxectivo de sensibilizar á sociedade galega da importancia do monte para Galicia desde as perspectivas medioambiental, social e económica.











