publicidade hoxe

Comisan máis de 350 quilos de ameixa babosa de talla antirregulamentaria na lonxa de Vilanova de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSucesosVilanova de Arousa
A-
A+

Axentes do Servizo de Gardacostas comisaron onte durante un labor de inspección na lonxa de Vilanova de Arousa 376 quilos de ameixa babosa por ser de talla antirregulamentaria. A ameixa procedía de Carril, zona na que o tamaño mínimo desta especie é de 38 mm e a cantidade comisada ten un prezo estimado no mercado duns 5.500 euros.

A maiores, tamén onte, os Gardacostas, en colaboración con axentes da Policía Autonómica realizaron un operativo contra o furtivismo na zona norte da ría de Arousa, que se saldou coa identificación de 18 persoas que estaban mariscando de xeito ilegal.

A actuación desenvolveuse nas zonas do Chazo, A Retorta e praia Xardín (Boiro) e Raposiños (A Pobra do Caramiñal) e nela os axentes comisaron 30 quilos de ameixa babosa (cun prezo estimado no mercado duns 440 euros). Ademais os axentes requisaron 4 restrelos.

A Consellería do Medio Rural e do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización.

26 de marzo de 2015 | 12:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.