publicidade hoxe

Comezan en Oleiros as actividades de promoción da lectura para escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

As Bibliotecas Municipais de Oleiros, na semana do 9 ao 13 de marzo, levarán a cabo as seguintes actividades de promoción da lectura dirixidas a alumnado dos centros de ensino público de Oleiros.

Na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, os días 10 e 11 de marzo continuarase co obradoiro de ilustración, denominado Sensacións debuxadas: debuxando cos cinco sentidos, no que se mostrará o debuxo como unha linguaxe universal e se explicará como con calquera elemento debuxado se pode transmitir unha mensaxe en calquera parte do mundo. Estará impartido, tamén, polo ilustrador Manel Cráneo e dirixirase a alumnado de 3º de primaria do Colexio Luís Seoane de Mera. Con estes obradoiros de ilustración e de banda deseñada preténdese que as nenas e os nenos poidan aprender diferentes técnicas de debuxo, así como aspectos básicos da banda deseñada ao mesmo tempo que se fomenta a creatividade e a imaxinación.

Tamén na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, os días 12 e 13 de marzo levarase a cabo outro obradoiro de ilustración diferente, neste caso impartido pola ilustradora Marina Seoane. Nel explicará os aspectos básicos do debuxo, aprenderanse diferentes técnicas de ilustración, observarán e analizarán diferentes ilustracións que figuran en diversas obras da autora. Dirixirase a alumnado de 5º de primaria do Colexio Luís Seoane de Mera.

Con estes obradoiros de ilustración preténdese que as nenas e os nenos poidan aprender diferentes técnicas de debuxo, ao mesmo tempo que se fomenta a creatividade e a imaxinación.

6 de marzo de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.