Comezan as obras de remodelación da praza do Comercio que recolle as propostas dos veciños

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Visita ás obras

Visita ás obras

As concelleiras de Barrio, Carmen Hervada e Susana Pazo, visitaron esta mañá a praza do Comercio con motivo do inicio das obras de remodelación postas en marcha polo Goberno local e que recollen as propostas dos veciños da zona. A actuación conta cun presuposto de adxudicación de 176.139 euros, o que supón unha redución do 27%, respecto aos 241.287 euros do presuposto de licitación.

A remodelación da praza do Comercio ten un prazo de execución de dous meses e é posible grazas ao acordo alcanzado co Instituto Galego de Vivenda e Só (IGVS) polo que cedeu de xeito gratuíto a urbanización interior do grupo de vivendas da Cooperativa Nosa Señora das Dores.

En concreto, o espazo cedido polo IGVS conta cunha superficie de 3.557,95 m2 que se destinan a praza, rúas, zonas axardinadas e espazos libres. As beirarrúas presentan un pavimento moi envellecido polo paso do tempo e o uso, con afundimentos e irregularidades que fan tropezar os viandantes. A falta de canalización das baixantes de augas pluviais fai que se vertan nas beirarrúas producíndose encharcamentos e a presenza de xardíns de grandes dimensións provoca que o espazo de paso para os peóns sexa moi reducido, non cumprindo a normativa de accesibilidade en espazos públicos.

Así, o proxecto consiste principalmente na renovación dos pavimentos peonís, a construción dunha nova rede separativa de augas pluviais e a recollida das baixantes a esta nova rede para dar resposta ás necesidades dos veciños xa sexa de accesibilidade, comodidade, seguridade e salubridade:

– Pavimento peonil: Renovarase un total de 1.198 m2 de beirarrúa, substituíndo a actual baldosa hidráulica por baldosa granallada de 40 x 60 cm gris claro con orla perimetral e, cada certa distancia, tamén en baldosa granallada de 40 x 60 pero de cor gris basalto, máis escura.

– Pavimento de aparcadoiros: Para emendar as deficiencias nos pavimentos na zona dos aparcadoiros formúlase a substitución das actuais lousas de formigón por unhas lousas de formigón imprimido armadas HA-25 de espesor 15 cm. Sobre base de formigón de espesor 10 cm. A cor do pavimento de formigón imprimido será negra con debuxo de empedrado liso de 10 x 20 cm.

– Rede de pluviais: actualmente o tramo da praza do Comercio non dispón dunha rede para recollida de augas pluviais nin sumidoiros e as baixantes verten directamente nas beirarrúas ou bordos. Por este motivo, dotarase á rúa dunha rede que permita recoller tanto as augas de escorrentía como canalizar as baixantes da recollida de augas pluviais dos edificios circundantes. Proxéctase unha rede separativa e unha rede de pluviais conformada por un colector xeral de PVC de 315 mm. de diámetro, cor tella. As conducións proxectadas serán subterráneas e seguirán o trazado da rede viaria e dos espazos libres de uso público.

11 de marzo de 2015 | 13:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.