Comezan as obras de reforma da Piscina da Barcala e do campo de fútbol Dani Mallo
As obras de reforma da Piscina da Barcala e de reforma do cesped do Dani Mallo arrincan esta semana tras formalizar a acta de reformulo que tivo lugar esta mañá en presenza do alcalde de Cambre, Manuel Rivas e dos responsables de Obras da Deputación que achega a maior parte do financiamento do proxecto.
Rivas visitou esta mañá as instalacións da piscina acompañado polos técnicos do concello, o edil de Deportes, Fernando Caride, representantes da Deputación e técnicos da empresa adxudicataria co fin de analizar a execución desta reforma. Lembrou que coa intención de reducir os perxuizos que este peche temporal poida causar o executivo local ofrecerá aos usuarios dúas alternativas diferentes. Por unha banda, os usuarios poderán manter o seu abono e gozar das instalacións da piscina de Sada mentres duren as obras, e por outro, poderán cancelalo de forma temporal ata a reapertura, sen que isto último supoña un gasto dunha nova matrícula ou outro tipo de cobro. No caso de que se queira manter o abono deberao comunicar á empresa concesionaria da piscina no complexo da Barcala ou no propio de Sada. A achega provincial é de 240.000 euros, o que supón o 75,08% do investimento total (319.669,42 euros) necesaria para levar a cabo todas estas actuacións.
OBRA
En total, as obras executaranse nos 717 metros cadrados onde se remodelarán os vestiarios dos usuarios, nos que se realizará unha nova distribución e adecuaranse as instalacións de climatización e saneamento, fontanaría e iluminación. Así mesmo, procederase a mellorar os vestiarios para persoas con mobilidade reducida.
Na sala da piscina substituiranse os acabados do falso teito, e as portas de evacuación cambiaranse por outras máis actualizadas, segundo a normativa vixente. Tamén se repararán os danos da estrutura de madeira e os parámetros verticais. Ademais, na praia da piscina impermeabilizarase o pavimento e procederase á construción de canaletas para liquidar as acumulacións de auga no chan. Así mesmo, procederase a mellorar o sistema de ventilación, no que se substituirá o sistema de climatización actual por un adaptado ás condicións da edificación. Na sala de instalacións repararanse e substituiranse todos aqueles elementos das instalacións que presenten problemas de filtración.
Doutra banda, o alcalde tamén acudiu ao campo de fútbol Dani Mallo, onde se asinou a acta de reformulo, paso previo para comezar as obras de reposición do céspede. Os técnicos do concello e os responsables analizan as melloras propostas polos usuarios do campo, entre as que destacan os pintados dos campos de fútbol 7, ou a eliminación de boa parte do valo perimetral do terreo de xogo. Trátase dunha obra prioritaria debido ao maltreito estado do terreo de xogo no que adestran e xogan cada semana 300 deportistas aproximadamente de varios clubs de fútbol do Concello. Nestes momentos os filamentos de herba artificial do campo están completamente descompostos e existen partes do campo no que actualmente non se pode apreciar a fibra sintética. Segundo o alcalde, o proxecto será unha realidade grazas á achega da Deputación que aprobou unha subvención que alcanza os 187.000 euros. O mandatario interesouse pola execución das obras que previsiblemente finalizarán en catro semanas.











