publicidade hoxe

Comezan as obras de mellora da seguridade vial na Rúa Rans

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNigrán
A-
A+

O goberno municipal inicia as obras de mellora da seguridade vial da Rúa Rans, unha actuación financiada na súa totalidade a través do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais (PUSIM 2014) da Deputación de Pontevedra, e adxudicada a COPCISA cun presuposto de 160.181 euros.

O proxecto, cun período de execución máximo de seis meses, ten como obxectivo prioritario mellorar a seguridade deste vial, “unha rúa cunha importante afluencia de tráfico, tanto rodado coma peonil, ao longo de todo o ano, e de forma especial na época estival”, recorda o alcalde, Alberto Valverde.

A actuación, que mellorará tamén a estética dunha zona veciñal e turística do municipio, complétase coa reconstrución dunha rede de pluviais para a recollida das augas da chuvia e a instalación dunha nova rede de abastecemento de auga; a recolocación da rede de iluminación pública; a ampliación e mellora das beirarrúas; o asfaltado e repintado da calzada e a creación de 70 prazas de aparcadoiro en batería.

Con esta actuación, o goberno municipal dá resposta a outra demanda histórica dos veciños da parroquia de San Pedro e do ámbito da Rúa Rans, “unha rúa que se encontra nun estado precario e de abandono, cuxo arranxo os veciños levan anos demandando,” recorda o alcalde, Alberto Valverde.

De forma paralela, o goberno municipal aproveitará a realización desta actuación para instalar un novo colector de saneamento na Rúa Rans, en avanzado estado de deterioración, evitando así ter que volver realizar unha nova actuación na zona nun futuro próximo para o seu recambio.

11 de marzo de 2015 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.