Comezan as obras de consolidación das Ruínas de San Domingos
A Deputación inicia hoxe as obras de consolidación das Ruínas de San Domingos, declaradas Monumento Nacional en 1895.
Nos últimos meses diversos técnicos e especialistas realizaron estudos de avaliación do estado das ruínas para coñecer a súa seguridade e expoñer as recomendacións de actuación. Baseándose nestes estudos a Deputación encargoulle un proxecto de execución a unha firma especializada neste tipo de traballos para limpar e consolidar os muros de fábrica existentes, para garantir a súa conservación e realizar labores que mitiguen a presenza da auga no arranque do muro.
Estes traballos, que teñen un prazo de execución de catro meses, contemplan diversas actuacións previas e obras concretas de consolidación:
– Limpeza dos paramentos dos muros pola cara exterior e interior
– Limpeza dos condutos de evacuación da auga
– Saneamento das xuntas de fábrica nos paramentos
– Rexuntado do aparello en todas as súas superficies, para garantir a súa capacidade para frear a entrada de auga
– Extracción de sales, solubles e non solubles, nos sitios máis problemáticos
– Recollida dos fragmentos de capitel desprendido e estudo da posibilidade de dispoñelo de novo na súa localización orixinal
– Aplicación de biocidas en diversas áreas
– Revisión e fixación da estabilidade das tallas dos capiteis e elementos escultóricos
– Disposición dunha lamela de aceiro inoxidable para garantir a estabilidade do parteluz nas ventás
– Instalación de chapa de aceiro inoxidable para consolidar as pezas soltas de gran tamaño e peso en zonas non visibles
– Colocación de elementos metálicos antiaves nas soleiras das ventás e repisas dos capiteis
A actuación levarase a cabo nunha superficie interior de 698 m2 e exterior de 1.010 m2.











