Comeza en Santiago o programa Yuzz cun total de 23 participantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

O programa Yuzz comeza en Santiago de Compostela cun total de 23 participantes, aos que lles brindará apoio no desenvolvemento das súas ideas de negocio innovadoras. Esta iniciativa é froito da colaboración entre o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) –co mecenado do Banco Santander-, a Consellería de Traballo e Benestar e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o reitor da USC, Juan Viaño, presidiron hoxe a inauguración deste centro, que está situado no edificio Emprendia. No acto tamén participaron o presidente da RedEmprendia, Senén Barro; o director territorial do Banco Santander, Pablo Berdiel; e o presidente da delegación de Secot da Coruña, Áurea López.

O Goberno galego leva tres anos colaborando no desenvolvemento deste programa na comunidade autónoma, onde tamén existen centros na cidade da Coruña e Vigo. Este ano, a iniciativa conta en Santiago cun “importantísimo reforzo” grazas á participación da USC, salientou Mato.

Deste xeito, Yuzz desenvolverase “a varias bandas”: o Banco Santander ofrece asesoramento, formación e orientación aos participantes por parte da súa rede de expertos, formada por máis de 200 profesionais; a USC pon as instalacións e coordinación do proxecto; a RedEmprendia colabora con financiamento; e o departamento autonómico achega orzamento para levar a cabo o proxecto.

O centro inaugurado hoxe será o “punto de referencia” dos participantes á hora de recibir apoio, formación, asesoramento e acompañamento para a posta en marcha dos 15 proxectos que se desenvolverán en Compostela. Estas 15 iniciativas céntranse maioritariamente nas novas tecnoloxías da información e da comunicación, e contan cun denominador común: a aposta pola innovación.

Os 23 candidatos, de entre 18 e 30 anos, foron seleccionados entre máis de 2.000 participantes de toda España, tras valorar aspectos como o seu perfil emprendedor, traxectoria, capacidade para comunicar a proposta, compoñente innovador do proxecto, creatividade ou potencial de crecemento.

A partir de agora, e durante cinco meses, os participantes recibirán asesoramento para elaborar os seus plans de negocio. Unha vez rematada esta fase, o responsable do mellor proxecto de cada un dos centros Yuzz que hai en España –neste caso, de Santiago- viaxará a Silicon Valley, onde poderán acceder a foros de financiamento, asesoramento e contacto con inversores.

Ademais, poderán optar ao financiamento para poñer en marcha o seu negocio, xa que Yuzz repartirá 60.000 euros en premios para os tres mellores proxectos do país: 30.000 para o primeiro; 20.000 para o segundo; e 10.000 para o terceiro.

Éxito do centro compostelán

Durante a súa intervención, Mato puxo en valor que desde a súa posta en marcha en 2013 o centro Yuzz de Santiago “está a destacar a nivel estatal”. Así, no seu primeiro ano de funcionamento un proxecto de Compostela acadou o segundo premio nacional.

E, o ano pasado, o proxecto Situm, de Adrián Canedo e Victor Álvarez, foi galardoado co primeiro premio de toda España. A súa proposta consiste nunha novidosa tecnoloxía de localización para coñecer a posición de calquera smartphone nos edificios onde o GPS non funcione.

Aposta polo emprendemento

“Este éxito non fai máis que convencernos do enorme potencial de presente e futuro da mocidade galega”, destacou Mato, quen lembrou que o departamento autonómico que dirixe está a poñer a disposición dos mozos e mozas “todas as ferramentas” para desenvolver o seu talento e capacidade de emprender

De feito, o emprendemento e a creatividade constitúen un dos eixos sobre os que xira a Estratexia de Xuventude 2014-2016, e son tamén un apartado esencial nos plans para o fomento da empregabilidade dirixidos á mocidade: o Plan de Emprego Xuvenil e o Programa de Garantía Xuvenil. Estas dúas últimas iniciativas supoñen en conxunto un investimento de 150 millóns de euros.

“En definitiva, a Consellería ten un firme compromiso cos emprendedores e os mozos galegos. Por iso apoiamos o programa Yuzz, que reúne xuventude, emprendemento, innovación e talento”, rematou a conselleira.

18 de marzo de 2015 | 20:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.