Comercio achega aos comerciantes de Ferrolterra apoios para innovar nos seus negocios
A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, achegou hoxe aos comerciantes e artesáns de Ferrolterra a nova convocatoria de axudas para impulsar a calidade e a innovación no sector comercial e artesán galego, dotada con 2,5 millóns de euros e á que se poden presentar solicitudes ata o vindeiro 11 de marzo.
Nunha xornada celebrada no CIS Galicia, Vázquez Abeal salientou que, a través desta convocatoria que forma parte do programa de renovación do tecido comercial galego, os comercios e as empresas artesás poden obter axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, avanzando así na incorporación do smart commerce, baseado na interrelación co cliente.
Isto permite, tal e como explicou a directora xeral de Comercio, complementar a experiencia de compra presencial dos consumidores cos diferentes canais comerciais. Tamén se apoia a posta en marcha de novas ferramentas de xestión e melloras na presentación dos produtos, e como novidade este ano, inclúense axudas para actuacións de mellora da imaxe exterior e o acondicionamento dos establecementos comerciais.
O encontro contou coa participación do creador ferrolán de gaitas Antón Varela, a zoqueira Elena Ferro e o xoieiro Óscar Rodríguez. Os tres explicaron as súas experiencias apostando pola mellora continua dos seus negocios e o emprego das diferentes ferramentas que achega internet para impulsar as súas vendas.
O ferrolán Antón Varela, músico ademais de artesán, leva traballando no sector desde hai preto de 30 anos, e asenta boa parte da comercialización do seu traballo na súa páxina web, onde amosa o seu catálogo de obras. Exporta en torno á metade dos produtos que elabora, principalmente a Europa.
Elena Ferro é a terceira xeración de zoqueiros da sua familia. No obradoiro familiar Eferro en Vila de Cruces elaboran desde os zocos máis tradicionais ata unha ampla gama de modelos adaptados ás últimas tendencias da moda, con deseños e cores atrevidos, así como outros produtos de coiro. Máis de 12.600 persoas seguen as orixinais propostas que achegan a través da súa páxina en Facebook.
O xoieiro Óscar Rodríguez, presidente da Federación Galega de Xoieiros, ten a súa tenda obradoiro en Viveiro, desde onde vende a toda España a través da súa páxina web. Participa cada ano nas principais feiras do sector, como Inhorgenta, en Múnic, ou en Iberjoya en Madrid.
Axudas de ata 11.500 euros
Na convocatoria que se presentou hoxe, e na que as empresas de Ferrol, Eume e Ortegal contarán con valoracion adicional, ademais das axudas para a posta en marcha de novos sistemas de comercialización e información ao consumidor que combinen o comercio on line e o off line ou que impliquen a utilización das redes sociais para a venda, tamén se concederán apoios para a implantación de ferramentas que melloren a xestión do negocio e o deseño dos produtos que non fosen utilizadas con anterioridade; e para o desenvolvemento e implantación de novos sistemas de packaging e etiquetado. Para estes tipos de iniciativas tanto comerciantes como obradoiros artesanais poden sumar axudas de ata 11.500 euros.
Ademais, como novidade este ano os comerciantes poden obter apoios de ata 6.000 euros para o acondicionamento do local comercial, e para medidas orientadas á mellora da imaxe exterior e a adquisición de moblaxe e equipamento.
Dentro desta orde, no marco do impulso ao asociacionismo comercial como un dos eixos da estratexia específica de apoio ao sector, con diferentes programas de apoio ao longo do ano, as federacións de comerciantes poderán optar a apoios de ata 3.000 euros para o desenvolvemento de sistemas de m-commerce (comercio a través do móbil), aplicacións e webs móbiles.
Impulso á competitividade do sector artesán
Nesta mesma convocatoria, apoiarase con ata 63.000 euros ás asociacións profesionais de artesáns no desenvolvemento de sistemas de etiquetado intelixente, que acheguen información sobre os produtos e o seu proceso de elaboración. Estas entidades tamén poderán desenvolver con ata 56.000 euros de axuda proxectos de deseño e creación de novos produtos a partir da colaboración de dous ou máis artesáns e un deseñador.
Tal e como lembrou Vázquez Abeal, os apoios ás asociacións e ás empresas artesás enmárcanse no Plan de Artesanía de Galicia, unha folla de ruta que ten por obxectivo conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega, incidindo na competitividade empresarial e a potenciación do talento.
Con esta nova convocatoria, a Consellería de Economía e Industria leva xa activados nos dous primeiros meses do ano programas de apoio ao sector comercial por 7,6 millóns de euros. Dentro tamén do programa de renovación do tecido comercial, a Consellería ten aberta ata o 31 de agosto a convocatoria de axudas para a transmisión xeracional, dotada con 150.000 euros, co obxectivo de impulsar o emprendemento e a continuidade da calidade do sector en Galicia.
Os transmisores, que deben ter 64 anos ou máis no momento da presentación da solicitude, poderán recibir axudas de 800 euros mensuais ata a idade ordinaria de xubilación, ata un máximo de 12.800 euros, ou un único pago de 800 euros se xa a teñen. Os que retomen a actividade recibirán apoios por 2.000 euros, e formación por parte do comerciante experimentado.
Puxéronse tamén en marcha os programas de apoio aos concellos galegos para o impulso dos mercados, dotado con preto de 3 millóns de euros e cofinanciado con fondos Feder, así como a convocatoria de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, cun orzamento de 2,2 millóns.











