Comeourense promoverá produtos locais de alimentación nunha feira mensual itinerante
O Concello de Ourense, a través da iniciativa Comeourense, creará, co obxectivo de promover os productos locais de alimentación, sexan frescos ou elaborados, a feira mensual itinerante Comeourense. A concelleira de Medio Ambiente, Susana Bayo, e a concelleira de Comercio, Juana Ageitos, presentaron esta mañá a nova actividade no Salón de Plenos do Concello xunto ao coordinador da feira, Óscar Senra.
A primeira destas feiras terá lugar na Praza Maior, o sábado 28 de marzo de 10 a 14 horas. Outras datas confirmadas son o 25 de abril no paseo da Ponte, o 23 de maio no barrio do Couto e o 6 de xuño, de novo na Praza Maior.
Solicitudes de colocación do posto
Para reforzar o carácter local das feiras, establécense dous criterios para xestionar as solicitudes de colocación do posto. O primeiro, en función da procedencia, primando empresas e persoas do Concello de Ourense. En segundo lugar, en función do tipo de venda, dando prioridade á venda directa -que venda polo menos o 60% de productos de elaboración propia-. Cada posto constará dunha carpa de tamaño 3×3 m2 de cor branca.
As persoas interesadas en solicitar un posto poden entregar a súa solicitude ata 15 días antes de cada feira, vía email feira@maos.gal, online http://qr.net/Feira, por teléfono 694474166 ou en persoa, no stand de Comeourense na feira anterior á que se solicita asistir.











