COGAMI inicia un curso de condutor autobús+CAP na Coruña
A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia un curso de Condutor D+CAP no que se están a formar 12 persoas con discapacidade, 10 homes e 2 mulleres, procedentes dos concellos de A Coruña, Arteixo, Coristanco, Cambre, Culleredo, Carballo, Carral.
O curso, que ten unha duración de 130 horas teóricas e 10 de prácticas en autobús, está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega (PROGRAMA OPERATIVO FSE-GALICIA 2007-2013).
De luns a venres, en horario de 9:00 a 13:30 horas, o alumnado terá que acudir a clases que imparte a autoescola COPACO sobre condución racional no transporte de viaxeiros, regulamentación do transporte de viaxeiros e organización do mercado e seguridade do servizo de transporte de viaxeiros.
Todas as persoas que forman parte deste curso son usuarias do Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI en A Coruña. A maioría proceden doutras profesións, que ao obter o certificado de incapacidade laboral polo exercicio da profesión habitual, decidiron apuntarse ao curso porque o ven como unha oportunidade de novas posibilidades laborais, como conducir o transporte de 065 ou de calquera outra empresa que oferten emprego para o manexo de vehículos de transporte de persoas.
Para formar parte desta formación, COGAMI entrevistou previamente a todo o alumnado que tivo que pasar unha proceso de selección no que demostraron coñecementos xerais, o nivel de condución ademais de realizar unha entrevista persoal.