publicidade hoxe

Cinco anos da galería Mulleres na biblioteca de Muxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuxía
A-
A+

A vindeira semana a Biblioteca Municipal de Muxía inaugura unha mostra sobre o seu programa GALERÍA MULLERES, para conmemorar o Día da Muller. O título da mostra é ” CINCO ANOS NA  GALERÍA DAS MULLERES”.

A mostra recollerá parte dos carteis publicados ao longo dos cinco anos que leva en marcha o programa e permacerá exposta todo o mes de marzo.

O programa Galería Mulleres que difunde cada mes a figura dunha muller destacada en calquera eido cultural, político, social, etc…comezou a súa andaina en marzo do 2010, fai agora cinco anos, e nesa ocasión arrancou dedicando o mes de marzo a unha poeta e polifacética muller da Costa da Morte: María Lado.

Cinco anos despois, pasaron polo programa moitos nomes de muller,algunhas recoñecidas e outras esquecidas polos libros de texto; mulleres escritoras, pintoras, activistas, científicas, actrices,emprendedoras, etc… que mes a mes saen á luz para lembrar e poñer en valor o enorme traballo que a muller aporta á sociedade e rachar co silencio que rodea a obra de moitas delas.

O Programa serve ao mesmo tempo para lembrar que no primeiro andar da Biblioteca Municipal de Muxía , atópase a BIBLIOTECA DA MULLER, xa dende o ano 2008 , que recolle obras sobre feminismo, igualdade, autoestima, antropoloxía, biografías, ou novelas, teatro, poesía e ensaio escrito por mulleres.

O Concello de Muxía quere con esta mostra homenaxear ás mulleres en xeral, e en particular ás que día a día co seu valioso traballo  dende diferentes eidos contribúen a fornecer a nosa sociedade ; aproveitando a ocasión para convidar ao público a visitar a Biblioteca da Muller e gozar das variadas lecturas que nos ofrece. Unha visita a esta zona da biblioteca  servirá, de seguro, para descubrir obras marabillosas e mulleres imprescindíbles .

6 de marzo de 2015 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.