Chega ao Auditorio de Ribadumia o espectáculo de tango e folklore arxentino da Compañía Marco González
A concellería de Cultura de Ribadumia propón para este fin de semana unha actuación da Compañía do mestre de tango Marco González. Será un espectáculo de tango e folklore arxentino onde a música, as letras, a danza e o vestiario transportarán ós asistentes a percorrer Arxentina dunha forma diferente.
Enrique Migliarini pon voz ó tango con canción e xunto coa actuación de Laura Díez e Diego Cornellá na danza, presentan xuntos unha gran variedade de cancións do tango máis autóctono de Arxentina. O repertorio dará mostra dunha exquisita selección do tango máis vangardista. A través do vestiario e da impecable posta en escea daranse pinceladas das costumes dos arxentinos na actualidade.
A entrada é de balde, ás 19:00 horas no Auditorio Municipal de Ribadumia.











