Cervo aforrará 61.500 euros de intereses pola cancelación anticipada de 560.000 euros de débeda
O Concello de Cervo cancelará de forma anticipada tres dos cinco préstamos que tiña cos bancos. Unha operación que suporá un aforro de 61.500 euros de intereses, uns cartos que o goberno local poderá utilizar para realizar actuacións e investimentos que beneficien aos veciños e veciñas.
En concreto, vaise cancelar anticipadamente débeda cos bancos por un importe de 560.000 euros. Así se aprobou na última sesión plenaria celebrada no Concello. Para iso, estase tramitando unha modificación orzamentaria por importe de 302.460 euros procedentes do Remanente de Tesourería para gastos xerais.
Desta forma, unha parte desa amortización de débeda vaise facer recorrendo aos cartos do remanente. Unha situación que é posible xa que o Concello rexistrou un superávit de 668.000 euros despois da liquidación de 2014.