CC.OO. denuncia que nas urxencias do Chuvi hai outros 30 pacientes á espera de cama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSucesosVigo
A-
A+
Europa Press

A Federación de Sanidade de CC.OO. de Vigo denunciou que este xoves volveron rexistrarse “colapsos” nos servizos de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, onde pola mañá 30 pacientes seguían pendentes de cama hospitalaria nos hospitais Xeral e Meixoeiro.

Esta denuncia dá continuación á que trasladaron este mércores, cando aseguraran que había un total de 47 pacientes á espera de cama e había atrasos de ata sete horas en pacientes que tiñan que ser atendidos en menos dunha.

Así as cousas, o sindicato reiterou a súa crítica pola falta de camas, a suspensión de intervencións cirúrxicas, as “longas listas de espera” e a carencia nos equipos “tanto nas urxencias coma nas plantas de hospitalización e nas UCIs”.

Por todo iso, CC.OO. fixo eco, desta forma, do “malestar dos profesionais e dos usuarios” e reclamou solucións por parte da dirección, pois “non se pode soster por máis tempo a cronicidade dos problemas de saúde da poboación nin a carga de traballo física e psíquica dos profesionais”.

Noutra orde de asuntos, a CIG-Saúde, que estes días tamén denunciou a “saturación” das urxencias, comunicou que este venres entregará na EOXI de Vigo as firmas que recolleu entre o persoal do Chuvi para rexeitar a instalación dun aparcadoiro de pagamento no novo hospital.

Desta forma, volveu criticar a “abusiva mercantilización dos servizos non sanitarios”, o que, dixo, tamén afectará ao aparcadoiro do novo centro, aínda que “a día de hoxe nin os traballadores nin a cidadanía coñecen o custo económico que supoñerá o uso deste servizo nin se contarán cunha boa infraestrutura de transporte público”.

12 de marzo de 2015 | 19:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.