Castiñeiras terá que pagar a multa íntegra de 410.000 euros por roubar cartas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

A titular do Xulgado do Penal número 2 de Santiago, María Elena Fernández Currás, que condenou a 190 anos de cárcere ao ladrón do Códice polo roubo de cartas aos seus veciños, aclarou este martes que o exelectricista da Catedral deberá facer fronte de forma íntegra á multa de 410.400 euros que se lle impuxo.

A sentenza considera probado que José Manuel Fernández Castiñeiras cometeu 190 delitos contra a intimidade (cun ano de cárcere por cada un), pero baseándose no Código Penal só pode cumprir o triplo da máxima das penas, o que se traduce en que non poderá estar máis de tres anos en prisión.

Non obstante, segundo explicaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a interpretación que fai a xuíza é que, no caso da multa, non sería de aplicación o límite que establece o triplo da maior das penas, polo que Fernández Castiñeiras debería aboar os 410.400 euros íntegros.

Con todo, no caso de que Castiñeiras fose declarado insolvente ou non pagase a multa dos 410.400 euros, non habería consecuencia nunha maior pena de privación de liberdade que agravase os tres anos que deberá pasar en prisión por roubar as cartas dos seus veciños. Nese suposto si se aplicaría a doutrina que impón o límite do triplo da maior.

COMPLICADA SITUACIÓN ECONÓMICA

Cabe recordar que Castiñeiras xa fora condenado a un total de dez anos de cárcere por levar o Códice Calixtino da Catedral compostelana, así como por roubar 2,4 millóns de euros do templo e branquexar estes fondos comprando propiedades inmobiliarias.

Por ese caso foi condenado a indemnizar con 2.447.590 euros á Catedral, o diñeiro que a sala considera que lle foi subtraído. Parte deste diñeiro, case 1.700.000 euros, xa foron entregados á Catedral pola Audiencia, ao tratarse de diñeiro intervido ao agora condenado.

Máis alá da multa de 410.400 euros, no fallo polo roubo de cartas establécese que Castiñeiras debe resarcir con 500 euros a 15 veciños e con 1.000 euros outros tres por subtraerlles o correo durante anos.

Os tempos máximos que o ladrón do Códice Calixtino tería que pasar en prisión oscilan entre os 13 anos en caso de que as sentenzas non cheguen a acumularse, ou os 15 anos se as penas si chegan a acumularse.

10 de marzo de 2015 | 16:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.