publicidade hoxe

Carballo licitará o contrato de xestión do ciclo da auga por un período dun ano e por un importe de 1,8 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello carballés aprobará na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local prevista para o luns 9 de marzo o expediente de contratación para a concesión do servizo do “Ciclo integral da auga do Concello de Carballo”. Despois de que no pleno ordinario de xaneiro non se aprobase por maioría dos membros da corporación o expediente de contratación proposto inicialmente -que tiña un custe total de 58.600.000 euros por un período de 20 anos-, o goberno decidiu licitar o servizo por un período dun ano e cun custe para o Concello de 1.700.000 euros máis o 10 por cento de IVE, o que faría un total de 1.870.000 euros. O único criterio de valoración recollido sería un canon dun mínimo de 100.000 euros, que as empresas poderán mellorar á alza. O novo contrato respectaría as tarifas e taxas vixentes, que permanecerán inalterables.

Segundo explica o Alcalde, Evencio Ferrero, coa adxudicación do servizo por un ano concederáselle marxe á corporación resultante dos comicios do mes de maio “para que tome as decisións oportunas”. Hai que lembrar que nestes momentos o servizo, cuxa concesión remataba en decembro de 2014, está prorrogado ata xuño con Viaqua, a empresa que tivo a concesión durante os últimos vinte anos. Coa nova licitación, cuxo proceso o goberno espera ter pechado antes de que remate o mandato, evitaríase unha nova prórroga e a nova corporación “terá un tempo prudencial para retomar o asunto como considere”. Segundo explica a Concelleira de Contratación, Milagros Lantes, as empresas terán 30 días de prazo para presentar as súas propostas e confía en que haxa variedade de ofertas.

Lantes tamén especifica que as condicións do contrato son “practicamente iguais ás que se levaron ao pleno de xaneiro”, a excepción de todas aquelas esixencias e melloras que requirían de máis dun ano para poder desenvolverse e que foron suprimidas. Ferrero e Lantes tamén quixeron aclarar que nesta ocasión non é necesario para iniciar o proceso de licitación recorrer á ratificación do pleno porque nas actuacións que teñan un importe que non supere o dez por cento dos recursos ordinarios do Concello (nestes momentos cun orzamento aprobado de máis de 21 millóns de euros) ou que non superen de forma global os seis millóns de euros, o expediente de contratación pode recibir o visto e prace na Xunta de Goberno Local como órgano competente. Ferrero tamén quixo aclarar que a medida adoptada polo goberno para resolver a situación que se ten producido co contrato do servizo da auga non é anómala, xa que se ten dado noutros concellos da contorna, como por exemplo o de Ames.

O Alcalde confía en que se presenten varias empresas ao proceso e que para xuño, momento en que remata a prórroga de Viaqua, xa se conte cunha nova adxudicataria.

6 de marzo de 2015 | 19:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.