Carballo colabora coa “Hora do planeta” cun apagón no alumeado da Praza do Concello o sábado 28 de marzo
O Concello de Carballo vén de adherirse á campaña “A Hora do planeta”, promovida por WWF, unha entidade creada en 1968 que traballa a prol da conservación da natureza. Esta iniciativa xorde como unha chamada á acción cidadá que ten o obxectivo de demostrar que a actuación conxunta de persoas de todo o mundo pode server para ofrecer alternativas ao cambio climático. A chamada “Hora do planeta” terá lugar o sábado 28 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas, cando se apagarán as luces de monumentos, rúas, empresas e fogares por todo o planeta para tratar de concienciar sobre a conservación do medio ambiente.
No caso de Carballo, está previsto apagar o alumeado público na contorna da Praza do Concello durante a hora acordada e anímase aos veciños e veciñas a que colaboren dende as súas vivendas reducindo o consumo enerxético durante esa hora mediante o apagado do alumeado das súas vivendas e a limitación do uso de aparellos electrónicos. O ano pasado, máis de 7.000 cidades de 162 países apagaron as súas luces, enviando unha clara mensaxe: os xestos simbólicos poden xerar grandes cambios na busca de que o compromiso global se manteña ao longo de todo o ano. En España, 250 municipios deixaron sen alumeado os seus edificios máis emblemáticos, dende a Torre de Hércules ata as murallas de Ávila ou A Alhambra. O ano 2015 é un ano crucial para o clima xa que en decembro gobernos de todo o mundo se reunirán en París e deben chegar a un novo acordo que permita controlar o cambio climático e así evitar os peores impactos ecolóxicos, económicos e sociais. Un acordo climático global que garanta a transformación que necesitamos e nos encamiñe cara a un mundo máis saudable, seguro e xusto para todos. As solucións non dependen só dos gobernos, senón tamén de moitos cidadáns, empresas e institucións que están a tomar medidas para loitar contra o cambio climático.
Son compromisos voluntarios que demostran que usando o noso poder podemos mudar o cambio climático, que cada xesto conta para acadar un cambio global. Os concellos teñen un papel clave poñendo en marcha medidas de aforro e eficiencia enerxética no seu municipio, mostrando o camiño aos seus cidadáns co exemplo e uníndose a La Hora del Planeta para celebralo. Hai que lembrar que Carballo é o primeiro Concello de Galicia que cumpre coa normativa que a Unión Europea fixa para o alumeado público e que persegue mellorar a eficiencia e o aforro enerxético, a diminución de gases de efecto invernadoiro e limitar o resplandor nocturno e a contaminación lumínica.
A Hora do Planeta é un paso e unha celebración dun compromiso, pequenos xestos que nos axudan a converter en realidade o desexo dun futuro máis xusto, limpo, eficiente e renovable.











