Carballo acollerá unha carreira solidaria nocturna por parellas o sábado 11 de abril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+

O Club Atletismo Carballo, en colaboración co Concello, a Deputación e a Federación Galega de Atletismo organiza a I Carreira Popular por parellas “De dous en dous” que se celebrará o sábado 11 de abril. Esta proba ten un carácter solidario a favor dos máis desfavorecidos e desfavorecidas e será nocturna, a partir das 19.00 horas. Segundo explica Moncho Ríos, de Atletismo Carballo, o obxectivo da cita é celebrar unha “carreira diferente”, non só pola nocturnidade e a solidariedade, senón tamén porque na categoría de adultos as parellas estarán unidas por unha banda elástica.

Asunción Vázquez, presidenta de Atletismo Carballo, tamén subliña o esforzo realizado, coa colaboración da Asociación Aloumiños, para incluír na cita a persoas con diversidade funcional “que realizarán a mesma carreira que os demais”. Así mesmo, quixo lembrar a Jesús Carpinteiro “por todo o que fixo polo deporte e o seu carácter humano”; e desexou que a xornada sexa, ademais de competitiva, “moi festiva”. Respecto do circuíto, a saída de todas as probas está prevista na rúa Gran Vía á altura da rúa Álvarez de Sotomayor e as inscricións pecharanse unha semana antes da proba, o 4 de abril, cun tope de 600 participantes. As anotacións son gratuítas para todas as categorías, coa opción “non obrigatoria e solidaria” de entregar un litro ou quilo de comida non perecedoira ao recoller o dorsal en beneficio de Cruz Vermella e Cáritas. Tamén hai un “dorsal 0” para que o público que o desexe achegue un quilo de comida.

Respecto das categorías, os participantes irán saíndo por orde de pitufo, benxamín, alevín, infantil e cadete a partir das 19.45 horas; mentres que os adultos, que estarán controlados por chip, sairán ás 21.00 horas para realizar un percorrido de 5.000 metros. As parellas de adultos poderán ser de categoría masculina, feminina, mixta e haberá unha categoría especial para aquelas persoas que entre as dúas sumen máis de 100 anos, para darlle unha oportunidade aos veteranos de competir. O Concelleiro de Deporte de Carballo, Marcos Trigo, manifestou a súa “ledicia” de que entidades como Atletismo Carballo organicen “probas atléticas que pola hora e o formato teñan un trasfondo festivo”. Cualifica a idea como “estupenda” e espera que a carreira “funcione e que lle guste a público e participantes”, desexando que a cita “teña continuidade no futuro”.

Tamén amosou a súa satisfacción porque unha das disciplinas deportivas que non tiñan moita presenza no municipio, como é o atletismo, agora conte con dous clubs que traballan a prol deste deporte. Máis abaixo nesta mesma nova pode descargarse o regulamento da proba en pdf, e acceder á ligazón da Federación Galega de Atletismo onde formalizar as inscricións.

13 de marzo de 2015 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.