Bravo Bosch entrega os diplomas do obradoiro Emprega Verde II de Redondela

Bravo Bosh na entrega de diplomas
A Consellería de Traballo e Benestar clausurou hoxe en Redondela o obradoiro de emprego Emprega Verde II, para o que destinou un investimento de case 170.000 euros.
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, entregou esta mañá os diplomas aos alumnos e alumnas participantes xunto ao alcalde de Redondela, Javier Bas, e a directora do OOEE, Imelda Barrio Santamaría. No acto tamén estiveron presentes a xefa territorial da Consellería de Traballo e Benestar, María Peón, e varios membros do goberno local de Redondela.
Os obradoiros de emprego son programas mixtos de formación e emprego que están destinados a persoas desempregadas. Concretamente, no caso de Redondela recibiron formación teórica e práctica un total de 19 alumnos e alumnas (13 mulleres e 6 homes) nas especialidades de xardinería e horticultura ecolóxica (11 persoas) e en deseño gráfico para promoción turística e cultural local (8 alumnos).
Os 19 alumnos e alumnas recibiron formación en xardinería e horticultura ecolóxica co fin de levar a cabo a recuperación, instalación e mantemento ecolóxico e sostible de zonas verdes do municipio (12 zonas de actuación) ademais de realizar o mantemento dunha zona de produción ecolóxica de hortalizas. Esta especialidade do OOEE levouse a cabo nas instalacións da Escola Taller Pousadouro. Ademais, no CEMIT de Chapela realizouse a segunda especialidade do obradoiro, onde os alumnos e alumnas recibiron formación para o deseño de produtos e servizos turísticos así coma para o deseño e realización de produtos gráficos para a dinamización turística e cultural local.
Esta iniciativa de formación e emprego tivo unha duración de seis meses e durante este tempo os alumnos e alumnas alternaron a formación co traballo ou a práctica profesional. Así, preténdese conseguir aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional para que as persoas desempregadas “aprendan traballando”, segundo considerou a delegada da Xunta.
Bravo Bosch felicitounos polos resultados acadados e polo éxito do Obradoiro xa que este taller permitiu consolidar a explotación de base tecnolóxica especializada en agricultura ecolóxica na finca do Pazo de Pousadouro posta en marcha coa anterior convocatoria (Emprega Verde I) e onde os seus 22 participantes se concentraron na horticultura ecolóxica, o control fitosanitario e a plantación de semillas en viveiro. Ademais, tamén realizaron melloras en parques do municipio, os xardíns da Rúa Ernestina Otero e a zona dos Canastos. “Son un exemplo do voso bo facer”, dixo Bravo Bosch.
Formación e emprego para 141 persoas
Na convocatoria 2014/2015, na área territorial de Vigo a Xunta puxo en marcha OOEE en Mos, O Porriño, Redondela e Cangas. Ademais, de xeito mancomunado, outorgou obradoiros á Mancomunidade de concellos do Val Miñor (Nigrán, Gondomar e Baiona) mentres que na comarca do Condado celebrouse outro entre os concellos de As Neves e Salvaterra do Miño e, por último, nos concellos de A Lama, Pontecaldelas e Fornelos de Montes.
Polo tanto, na área de influencia desenvolvéronse un total de sete obradoiros de emprego que contaron cun orzamento superior aos 1,2 millóns de euros para beneficiar a 141 persoas desempregadas.
Deste xeito, estas iniciativas de formación e emprego abren un importante espazo de colaboración cos concellos no marco da aposta da Xunta de Galicia pola eficiencia e optimización de recursos, co obxectivo de orientar adecuadamente os esforzos ademais de estar vinculados á realización de obras e servizos de interese para a comunidade.











