Brais Breijo protagoniza a estrea virtual desta semana do Chanfaina Lab
Poderíase trasladar a San Sadurniño a Terra Media?. Sería posible gravar aquí algunha escena de Harry Potter?. Habería algún sitio para desenvolver as tramas dunha familia nobiliaria de principios do século XX?…A todas estas preguntas responde de forma afirmativa a curta “Madeira de pino e Nova Zelanda non quedaba tan lonxe”, dos realizadores Brais Breijo e Dani Lema. O título xa di moito sobre o argumento: demostrar xogando con música e imaxe que o noso territorio ofrece centos de recunchos susceptibles de se converter en escenario para unha película.
Ben, o título se cadra é algo críptico pero ten a súa explicación. A primeira é unha chiscadela cinéfila: “Madeira de pino” en inglés sería Pinewood, o nome que levan os estudios nos que se filmaron as entregas de Harry Potter e parte das localizacións da exitosa serie británica Downton Abbey, entre outras. Por outro lado, en Nova Zelandia -país natal de Peter Jackson- é onde se rodou a adaptación cinematográfica da saga de Tolkien “O señor dos Aneis”. Para Brais Breijo tanto a unha como a outra ben se poderían ter feito en escenarios de San Sadurniño e de aí que a peza ironice en certa maneira sobre a necesidade de marchar “tan lonxe” para facer estas e outras producións.
Destripado o título -ou feito o spoiler, como se di agora- é hora de adiantar algo do video. Brais Breijo e o seu socio no Chanfaina, Dani Lema, percorreron varias veces o territorio buscando localizacións que se axeitasen ás bandas sonoras de series e películas afamadas. Armados con dúas cámaras réflex dixitais elixiron coidadosamente os sitios e os tiros de cámara para aproveitar ao máximo a luz natural e os pequenos detalles da paisaxe e o patrimonio, coa misión de ofrecer en catro minutos un bo catálogo de posibilidades para calquera produción.
A ficha da peza en Fálame de San Sadurniño fai unha minuciosa sinopse sobre o traballo de Breijo e Lema. Segundo a páxina, o ideólogo da curta mestura dous aspectos do audiovisual que lle apaixonan: as localizacións e a música. Brais homenaxea ao seu concello natal cun xogo retranqueiro que amosa diversos lugares de San Sadurniño como territorio de posibles localizacións para películas ou series de contrastado éxito popular: A través de “Madeira de Piñeiro e Nova Zelanda non quedaba tan lonxe”, percorremos varios lugares do concello. Igrexafeita convértese en Lothlórien, o mítico país dos elfos. Naraío é trasunto da Invernalia de “Xogo de Tronos”. A Avenida Marqués de Figueroa é reflectida polo son como unha versión local da ficticia rúa Wisteria Lane de “Mulleres desesperadas”.O máxico colexio Hogwarts de “Harry Potter” trasládase na curta ao Convento do Rosario. A elegante “Downton Abbey” muda no Pazo da Marquesa e a sordidez de “American Horror Story” reflíctese cos contrastes do cemiterio de San Sadurniño.
Brais Breijo explica que a súa pretensión con esta curta é “amosar con humor e ironía o potencial do concello para facer grandes cousas que non teñen nada que envexar ás localizacións mais recoñecidas e populares internacionalmente. O realizador, nado en San Sadurniño, está a comezar a súa traxectoria como actor, músico e director. Integrado no Coro Gaos alterna participacións actorais en curtas, publicidade e series de TV coa realización de filmes como “Vida mariñeira: a pesca no Gran Sol” que foi o seu proxecto de graduación na Facultade de Comunicación de Coruña.
Breijo non é o único nome local no Chanfaina Lab, posto que a xornalista Ary López tamén participou no proxecto gravando unha peza coa que ten intención de resumir o que supuxo esta proposta tanto para os creadores e creadoras como para a veciñanza.