Boiro amplía a 140 as prazas da rede A Galiña Azul coa apertura dunha nova escola en setembro
A nova escola infantil de Boiro (A Coruña), que abrirá no mes de setembro, vai poñer a disposición das familias do concello un total de 41 prazas distribuídos en 3 unidades. O investimento total para a construción e equipamento do centro foi de preto de 450.000 euros, dos cales a Consellería aportou 280.000 euros, mentres o concello dedicou 164.000 euros.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, acompañada polo alcalde da localidade, Juan José Dieste, visitou as instalacións da que será a segunda escola da rede A Galiña Azul no concello de Boiro, e vai elevar ata 143 as prazas na localidade, un 40% máis das existentes en 2009. Trátase da terceira Galiña Azul do Barbanza, facendo un total de 225 prazas na comarca, se se suma ao centro de Rianxo, con capacidade para 82 nenos e nenas. Ademais, no pasado ano a Consellería investiu 740.000 euros para a ampliación de 74 prazas na escola municipal de Ribeira, que pasou de 111 a 185 prazas.
Mato explicou que “os expertos coinciden en sinalar os recursos e servizos para a conciliación como un dos criterios que máis valoran pais e nais á hora de ter fillos” e, por iso, o departamento autonómico fixo dela un dos eixes estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que este Goberno lidera por primeira vez na historia da autonomía galega.
Este curso vanse ofrecer un total de 9.294 prazas para os nenos e nenas de 0 a 3 anos en 159 escolas repartidas por toda Galicia. Isto supón 3.827 prazas máis das existentes en 2009, un 70% de incremento con respecto a 2009. Na provincia da Coruña creáronse máis de 2.000 prazas, máis dun 113%.
A titular de Benestar engadiu que, co inicio do novo curso, ademais desta escola de Boiro, abrirán as súas portas outras 9 novas da rede A Galiña Azul. Entre as dez, van ofertar un total de 532 novas prazas. Son, en concreto, as de Cambre e Melide (construídas en virtude do convenio coa Fundación Amancio Ortega), a de Narón (construída polo concello e que agora se incorpora á Rede Autonómica) e as de Malpica, Meira, Muros, Oroso, Porto do Son e Salvaterra.
Neste sentido, Mato salientou que, por primeira vez, tense alcanzado en Galicia a ratio de 33 prazas públicas por cada 100 nenos en idade de acceso a unha escola infantil, que recomenda a Unión Europea.
Investimentos no concello
Doutra banda, a titular do departamento autonómico tamén se referiu ao investimento que ten realizado a Consellería de Traballo e Benestar no Concello de Boiro o ano pasado. Así, tanto en emprego como na área social supera os 370.000: máis de 180.000 euros no ámbito laboral e preto de 190.000 no social.
En materia laboral, destaca o financiamento de preto de 200.000 euros para o obradoiro de emprego que Boiro comparte xunto con A Pobra, Rianxo e Ribeira no que se están a formar 22 alumnos e alumnas nas especialidades de pavimentos e albanelería. Os seus participantes están levando a cabo renovación de pavimentos das beirarrúas e melloras viarias e de accesibilidade nas catro localidades. Na área social resalta o incremento de máis de 100.000 euros do Servizo de Axuda a no Fogar (SAF) para persoas dependentes co respecto a 2013.