publicidade hoxe

Benestar porá en marcha o vindeiro curso a primeira escola Galiña Azul en Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOroso
A-
A+
Beatriz Mato na visita a Oroso

Beatriz Mato na visita a Oroso

A Consellería de Traballo e Benestar, en colaboración co Concello de Oroso, porá en marcha o próximo curso escolar 2015-2016, no mes de setembro, a primeira escola infantil da Rede autonómica A Galiña Azul, que porá a disposición das familias un total de 41 prazas de 0-3 anos divididas en tres unidades.

A conselleira do departamento autonómico, Beatriz Mato, visitou hoxe a localidade, xunto co alcalde, Manuel Mirás, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e as instalacións do novo servizo social no que a Xunta e o Concello achegaron 450.000 euros. Mato destacou que non só será a primeira escola infantil da Xunta en Oroso, senón tamén en toda a comarca de Ordes.

A titular de Benestar sinalou que o obxectivo desta actuación é seguir avanzando na conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, un dos eixos estratéxicos do Plan de Dinamización Demográfica, que o Goberno galego lidera por primeira vez na Comunidade.

A conselleira incidiu en que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís é “unha ferramenta moi importante” na loita contra o problema demográfico que existe en Galicia e, por iso, destacou que desde 2009 puxéronse en funcionamento 3.800 prazas a través da rede autonómica A Galiña Azul. Isto supón un 70 por cento de incremento con respecto ás que había en 2009, tendo en conta as novas prazas de 0-3 anos que se ofertarán para o próximo curso escolar 2015-2016. A partir do mes de setembro a oferta será de 9.294 prazas en 159 escolas. Na provincia da Coruña, o Goberno galego creou desde o ano 2009 máis de 2.000 prazas de 0-3 anos, un incremento superior ao 113 por cento.

Así mesmo, Mato resaltou que co inicio do novo curso abrirán as súas portas 7 novas escolas infantís na provincia da Coruña (Cambre e Melide, construídas en virtude do convenio coa Fundación Amancio Ortega; Narón, construída polo Concello e que agora se incorpora á Rede Autonómica; Boiro; Malpica, Oroso e Porto do Son).

Así mesmo, lembrou que a partir do curso 2015-2016 poranse en marcha, ademais, 500 novas prazas públicas a través da fórmula do concerto en escolas infantís privadas das sete grandes cidades.

Por último, Mato salientou que grazas ao esforzo da Xunta, por primeira vez tense alcanzado en Galicia a ratio de 33 prazas públicas por cada 100 nenos e nenas en idade de acceso a unha escola infantil, que recomenda a Unión Europea. A oferta de prazas públicas sostidas con fondos autonómicos complétase coas escolas municipais, as escolas dependentes de entidades de iniciativa social e doutras entidades e máis de 1.000 prazas de cheque infantil, acadando un total de preto de 20.500 prazas sostidas con fondos públicos á disposición das familias galegas.

Investimentos no Concello

A titular do departamento autonómico tamén se referiu ao investimento que ten realizado a Consellería de Traballo e Benestar no Concello de Oroso desde o ano 2009. Así, tanto en emprego como na área social supera o millón de euros: máis de 520.000 euros no ámbito laboral e máis de 520.000 no social.

En materia laboral, destacan o financiamento de 14 cursos de formación o a axuda que recibiu a Administración local para a contratación de traballadores en situación de risco de exclusión. En concreto, percibiu 42.500 euros a través desta liña de subvencións. Na área social resaltan os investimentos na escola infantil e no Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes.

6 de marzo de 2015 | 18:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.