Benestar oferta 172 prazas públicas de maiores en Castro de Rei
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou hoxe a residencia de maiores de Castro de Rei para pulsar a súa realidade e coñecer de primeira man as demandas do responsable, dos traballadores e dos usuarios, cos que mantivo unha xuntanza.
A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vinculadas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
A Consellería de Traballo e Benestar oferta nesta residencia 172 prazas públicas de maiores ás que destina anualmente máis de 2,4 millóns de euros.
Piñeiro destacou que a dependencia é unha prioridade para o Goberno galego. En concreto, na provincia de Lugo existen máis de 2.800 prazas públicas de maiores e para persoas con discapacidade. Para persoas maiores ofértanse preto de 2.000 prazas públicas, un 36% máis que en 2009 e máis de 800 para persoas con discapacidade, o que supón un 13,5% máis que en 2009.
Ademais, tal e como reflicten os orzamentos de 2015, a Xunta destinan este ano case 300 millóns de euros á atención á dependencia en Galicia, o que supón un incremento de 20 millóns de euros con respecto a este ano. Trátase, un ano máis, da partida que concentra o maior esforzo orzamentario da Consellería de Traballo.