Benestar incrementa nun 18% as horas do SAF para persoas dependentes na provincia de Lugo
A Consellería de Traballo e Benestar vén de incrementar en 6 millóns de euros en toda Galicia o orzamento de 2015 para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas dependentes, ata chegar aos 46,3 millóns.
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, ofreceron hoxe unha rolda de prensa para dar conta desta actuación que se enmarca na aposta do Goberno galego polos servizos profesionais de proximidade no domicilio.
A secretaria xeral indicou que “o SAF experimenta un importante pulo no ano 2015 en toda Galicia, o que permitirá atender a uns 2.000 demandantes novos, o que requirirá a atención duns 700 traballadores”. Este aumento beneficiará tamén aos concellos que conforman a provincia de Lugo que verá incrementadas as horas de SAF nun 18 por cento, é dicir, en preto de 14.300 horas ao mes, ata alcanzar as máis de 94.000. Esta actuación permitirá atender a preto de 500 persoas máis, ata un total de 3.200.
O reparto de horas adicionais beneficiará ao 94% dos concellos lucenses e, grazas a este reforzo, a media de atención no conxunto da provincia situarase no 80,2%, cun incremento de 12 puntos. En toda Galicia, nove de cada dez concellos verán incrementadas as horas deste recurso asignadas ao longo deste ano.
En canto á cidade de Lugo, co novo reparto corresponderanlle 507 horas máis ao mes coas que a cifra de beneficiarios atendidos chegará ata as 140 persoas.
A aposta do departamento autonómico por este tipo de servizos para as persoas dependentes é clara e decidida e, por iso, desde 2009 leva incrementando a prestación do SAF en toda Galicia.
Piñeiro explicou que o Servizo de Axuda no Fogar para persoas dependentes “é o recurso máis demandado pola poboación maior que necesita algún tipo de axuda, así como polas súas familias coidadoras”. “Por iso, o Goberno galego non só leva a aumentar o financiamento deste recurso nos últimos anos, senón que desenvolveu diversas melloras na xestión da asignación do servizo a través da posta en marcha do módulo extranet aos concellos e do Programa de Asignación de Recursos”, engadiu.
O aumento no orzamento e na tramitación destas prestacións permitiu o incremento do número de persoas beneficiarias, xunto coa axilidade na asignación do servizo.
Co incremento anunciado, poranse a disposición dos concellos este ano un total de 409.292 horas mensuais destinadas ao SAF dependencia fronte ás 338.154 h/mes asignadas actualmente.
O reparto de horas entre os concellos terá efectos inmediatos. A previsión da Consellería é que este verán se alcance a execución total das horas, é dicir, que estean asignadas a algún beneficiario.











