Benestar destinou 16.000 euros a Amigos de Galicia para a realización de actividades de inclusión social en Vilagarcía de Arousa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Consellería de Traballo e Benestar destinou en 2014 máis de 16.000 euros a Amigos de Galicia para a realización de actividades de inclusión social en Vilagarcía de Arousa. Ademais, a entidade recibiu preto de 350.000 euros do departamento autonómico desde 2009 para o seu mantemento e o desenvolvemento de diversas iniciativas.

Así o destacou a directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, durante o acto de entrega de diplomas aos participantes nestes cursos, que se enmarcan dentro da convocatoria de subvencións destinadas a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social.

Así, ao longo do pasado ano, estas entidades desenvolveron dúas actividades: un curso de auxiliar de servizos de 200 horas de duración con 18 alumnos e outro de iniciación ao galego da mesma duración, para 16 alumnos.

González lembrou que a aposta pola inclusión é unha das máximas prioridades do Goberno galego. Por iso, en 2015 o orzamento destinado á inclusión medra nun 17,7%, ata os 70 millóns. Ademais, de cara ao próximo ano, destacou como unha das principais novidades o incremento na orde de contratación de perceptores da RISGA, que se puxo en marcha por primeira vez este ano, que aumenta nun 100% ata os 10 millóns de euros. No caso concreto de Vilagarcía, a localidade contará con 20 contratos este ano.

Este esforzo orzamentario compleméntase con avances en materia de planificación, que se reflicten, por exemplo, na recente aprobación da nova Estratexia de Inclusión Social (EIS), que ten entre os seus principais obxectivos loitar contra a pobreza infantil, reducir as consecuencias da exclusión territorial, dar un novo pulo á inserción no mercado laboral e mellorar a prevención nos casos de vulnerabilidade.

17 de marzo de 2015 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.