Benestar destina 3 millóns de euros ao mantemento de 218 prazas públicas de discapacidade en Ferrol e Narón

Coro Piñeiro na visita a un dos centros
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou hoxe varios centros para persoas con discapacidade de Ferrol e Narón aos que a Consellería de Traballo e Benestar está a destinar máis de 3 millóns de euros para o mantemento anual de 218 prazas públicas.
Piñeiro percorreu as instalacións e mantivo un encontro cos directores, cos traballadores e cos propios usuarios do centro ocupacional da Asociación de Familiares de Enfermos Mentais ‘Porta Nova’, en Narón, e do centro residencial e de día Aspanaes e o centro de atención para persoas con discapacidade intelectual Souto de Leixa, en Ferrol. Piñeiro coñeceu de primeira man as súas demandas para pulsar a realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario. A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas aos centros residenciais públicos de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
Piñeiro destacou que a discapacidade é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, lembrou que en Ferrol e Narón as prazas destinadas a este colectivo medraron nun 384% desde o ano 2009, ata chegar ás 218, e o orzamento destinado a manter estas prazas nun 248%. En Narón, ademais, sinalou que a Xunta en 2014 puxo en marcha por primeira vez en Galicia 38 prazas públicas para persoas con enfermidade mental, 8 delas na localidade da comarca ferrolá.
Así mesmo, sinalou que a Consellería de Traballo e Benestar está a destinar este ano ao eido da discapacidade 100 millóns de euros, un 3 por cento máis que en 2014. Por segundo ano consecutivo aumentan as partidas para atender ás persoas con discapacidade, segundo destacou, ao tempo que lembrou que o obxectivo prioritario do Goberno galego é ofrecer a estas persoas unha atención integral, tanto en materia social, como en emprego.











