Benestar destina 12,2 millóns ao mantemento anual de 655 prazas públicas de maiores e discapacidade en Santiago

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Coro Piñeiro na visita a un dos centros. Foto: X. Crespo

Coro Piñeiro na visita a un dos centros. Foto: X. Crespo

A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, está a realizar unha rolda de visitas polos centros públicos da súa competencia en Galicia e, deste xeito, visitou na cidade de Santiago varias instalacións para persoas con discapacidade e de maiores. En concreto, mantivo un encontro cos directores, cos traballadores e cos propios usuarios dos centros de día e ocupacionais de discapacidade de Aspas, Afexdi e Sarela e da residencia de maiores Volta do Castro.

O obxectivo desta iniciativa é coñecer de primeira man as demandas de cada centro para pulsar a realidade cunha perspectiva global que permita posteriores actuacións, se fose necesario. Polo tanto, Piñeiro está a analizar de cerca as necesidades e as inquedanzas dos traballadores e usuarios, tanto no plano material, como persoal ou de recursos humanos.

En total na cidade de Santiago, a Xunta está a destinar máis de 12,2 millóns de euros ao mantemento anual de 655 prazas públicas de maiores e discapacidade.

Por unha banda, a secretaria xeral de Política Social destacou que a discapacidade é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, lembrou que en Santiago as prazas destinadas a este colectivo medraron nun 10,4% desde o ano 2009, ata chegar ás 180, e o orzamento destinado a manter estas prazas en preto dun 30% ata alcanzar os 2,1 millóns de euros ao ano. No eido da discapacidade, a Consellería de Traballo e Benestar está a destinar en toda Galicia 100 millóns de euros, un 3 por cento máis que en 2014. Piñeiro lembrou que por segundo ano consecutivo aumentan as partidas para atender ás persoas con discapacidade e que o obxectivo prioritario do Goberno galego é ofrecer a estas persoas unha atención integral, tanto en materia social, como en emprego.

Con respecto ás prazas de maiores, o departamento autonómico está a financiar en Santiago un total de 475 prazas públicas, un 46,1 por cento máis que no ano 2009. Para o seu mantemento dedica un orzamento de máis de 10 millóns de euros que se incrementou con respecto a 2009 en preto dun 26 por cento. Para rematar, Piñeiro sinalou a importancia de seguir a apostar pola dependencia e, neste senso, apuntou que tal e como reflicten os orzamentos de 2015, a Xunta destina este ano case 300 millóns de euros á atención á dependencia en Galicia, o que supón un incremento de 20 millóns de euros con respecto a este ano. Trátase, un ano máis, da partida que concentra o maior esforzo orzamentario da Consellería de Traballo, concluíu.

26 de marzo de 2015 | 12:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.