Benestar construirá unha escola infantil de 74 prazas na Estrada
A Consellería de Traballo e Benestar construirá unha escola infantil de 74 prazas no Concello de A Estrada, segundo anunciou hoxe a titular dese departamento autonómico, Beatriz Mato, nunha visita á parcela que acollerá o novo centro.
A conselleira, acompañada polo alcalde da localidade, José López, sinalou que a previsión é proceder ao longo deste ano á contratación do proxecto e á licitación da obra. Ao respecto, explicou que con ese obxectivo o Concello está traballando simultaneamente na tramitación urbanística necesaria e na licitación do proxecto de urbanización da parcela.
O investimento na construción da nova escola ascenderá a arredor de 740.000 euros, que serán cofinanciados entre a Consellería de Traballo e Benestar e o Concello da Estrada nunhas porcentaxes do 60 e do 40 por cento, respectivamente.
A nova escola infantil será a primeira da rede A Galiña Azul no Concello da Estrada e virá a completar esa oferta autonómica na Comarca de Tabeirós, onde xa funciona un centro 0-3 de 20 prazas en Forcarei e outro de 35 prazas en Cerdedo.
Esta nova escola enmárcase na aposta polo incremento da oferta pública de prazas 0-3 que a Consellería de Traballo e Benestar vén desenvolvendo nos últimos anos, co obxectivo de facilitar ás familias a conciliación da vida persoal e profesional.
Ao respecto, Beatriz Mato salientou que o incremento continuado da oferta 0-3 que a Consellería vén mantendo desde 2009 permite ofertar para o próximo curso 2015/2016 un total de 9.294 prazas na rede autonómica A Galiña Azul, en 159 escolas infantís distribuídas por toda Galicia. Esa cifra supón un 70% de incremento desde 2009 na comunidade e cercano ao 100% na provincia de Pontevedra, onde se crearon máis de 1.200 prazas.
Cómpre salientar tamén que Galicia vén de acadar por primeira vez a ratio de 33 prazas públicas por cada 100 nenos en idade de acceso a unha escola infantil, que é a ratio recomendada pola Unión Europea.
Concesión dun plan integrado de emprego
Así mesmo, a titular do departamento autonómico destacou que a Consellería está a investir na Estrada máis de 800.000 euros no eido social e laboral, sen ter en conta o financiamento que destinará á construción da escola infantil.
Con respecto á área laboral, sinalou que no obradoiro de emprego da Estrada, no que Traballo investiu preto de 170.000 euros, téñense formado 19 alumnos e alumnas nas especialidades de albanelería e xardinería. A través deste programa mixto de formación e emprego, os seus participantes melloraron as paisaxes fluviais dos coutos salmoneiros do Xirimbao (Couso) e de Ximonde (Paradela) e as fervenzas de Callobre e de Curantes; adecuaron a carballeira municipal, na rúa Cultura da Estrada; e a adecuación de local para a sede de Protección Civil en Toedo.
No apartado laboral, Mato confirmoulle ao alcalde que A Estrada contará cun programa integrado de emprego neste ano 2015, que estará dotado con 122.000 euros e que prevé beneficiar 60 persoas en situación de desemprego.
No eido social, Mato destacou que o Concello recibirá máis de 50.000 euros para a contratación de 5 perceptores da RISGA, ao tempo que resaltou o incremento do 4,65 por cento das horas do Servizo de Axuda no Fogar para persoas con dependencia, un eido no que se prevé destinar este ano máis de 440.000 euros.