Belén do Campo participa nunha nova reunión da mesa local de comercio da Coruña

Reunión da mesa local de comercio da Coruña
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou esta mañá nunha nova reunión da Mesa Local de Comercio da cidade da Coruña, da que tamén forman parte varios concelleiros, técnicos municipais e representantes das distintas asociacións de comerciantes e consumidores da Coruña.
A sesión celebrouse no pazo municipal de María Pita e serviu para continuar coa planificación de forma conxunta entre todos os sectores implicados de actuacións que van desde o eido comercial, pasando pola área de mercados, de consumo e mesmo de seguridade cidadá e urbanismo. O obxectivo común é o de revitalizar e imprimir maior dinamismo ao comercio de proximidade, algo polo que tamén nesta mesa foron escoitadas as propostas das entidades que representan ao colectivo e aos consumidores.
Nese senso, supervisáronse os proxectos de dinamización comercial presentados desde os tres centros comerciais abertos (CCA) da cidade: Zona Obelisco, Distrito Mallos e Rúa Barcelona, trámite necesario para que estes poidan concurrir á ordes de axuda convocada polo Goberno autonómico para este fin.
Así, o programa de axudas previsto pola Consellería de Economía e Industria destinado aos CCA e prazas de abastos conta cunha dotación de 2,2 millóns de euros. A través deste programa poténciase o importante traballo que realizan ao longo de todo o ano estas asociacións, figuras clave para o reforzo, desde o asociacionismo, da competitividade do sector.
Con estas axudas apoiaranse diferentes actuacións que permitirán atraer nova clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que se ofrecen aos consumidores. Así, impulsarase a posta en marcha de campañas de dinamización, sistemas de fidelización de clientes e proxectos de sinalización comercial externa, entre outros.
As subvencións concedidas poderán chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 44.000 euros e alcanzar o 75% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos en que están situados e do número de establecementos asociados. No caso das asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros.
Entre os criterios de valoración para acceder aos apoios, prímase o autofinanciamento das asociacións, a través da captación de socios, prevalecen as actuacións que sexan máis innovadoras, que teñan un maior alcance e impliquen un maior número de comercios, así como as que supoñan beneficios para o ambiente ou as familias numerosas.











