publicidade hoxe

Belén do Campo comproba o avance das obras de construción do novo IES de Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarral
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, comprobou esta mañá o avance das obras de construción do novo instituto de Educación Secundaria (IES) de Carral, nas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a investir máis de 3,6 millóns de euros.

Do Campo, que estivo acompañada polo alcalde do municipio, José Luis Fernández Mouriño, destacou o bo ritmo dos traballos, polo que estarán rematados no mes de agosto. Deste xeito, o novo centro, localizado ao pé da estrada Nacional 550, na rúa Costa do Pincho, poderá abrir as súas portas o vindeiro curso 2015/2016, tal e como quedara comprometido polo departamento autonómico.

Neste senso, a delegada territorial recordou que o Consello da Xunta ven de aprobar o decreto polo que se crea o IES, que establece que o novo centro acollerá o profesorado de educación secundaria do actual Centro Público Integrado (CPI) Vicente Otero Valcárcel. É dicir, que os mestres e mestras adscritos a prazas de 1º e 2º curso de ESO e o profesorado de secundaria adscrito con carácter definitivo ao CPI Vicente Otero Valcárcel quedarán adscritos de xeito definitivo ao novo IES de Carral.

Así mesmo, o decreto establece tamén a conversión do CPI Vicente Otero Valcárcel en colexio de educación infantil e primaria (CEIP), polo que mestres e mestras adscritos ao ata o de agora CPI en prazas de educación infantil e primaria quedarán adscritos definitivamente ao novo CEIP Vicente Otero Valcárcel.

O novo IES de Carral terá unha superficie total construída de máis de 2.900 m2 dos cales 139 son de patio cuberto. O edificio estará distribuído en dous andares con 12 aulas de educación secundaria obrigatoria, o que supón 360 prazas para o alumnado. Tamén contará, na súa planta baixa, con ximnasio, biblioteca, cafetaría, aula de informática, zona de administración, despachos de dirección, sala para a ANPA, aseos adaptados a persoas con discapacidade e zona de servizos e instalacións. Na planta primeira instalarán o taller de tecnoloxía, as aulas de música e de educación plástica e visual, o laboratorio de ciencias experimentais, 3 aulas de apoio, reforzo e desdobramento, seminarios e aseos de alumnado e profesorado.

Neste contexto, a responsable do Goberno galego na provincia quixo lembrar o forte investimento en novas infraestruturas educativas que Educación está a realizar tanto na cidade da Coruña como na súa área de influencia. Despois da apertura este curso do CEIP Vales Villamarín, de Betanzos e da ampliación do CEIP Sada y sus Contornos e da que producirá despois de Semana Santa da ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, na Coruña, a Xunta mantén en marcha a construción tanto do IES de Carral como do de Culleredo e o colexio de Nós, en Oleiros.

A estas actuacións, a consellería destina preto de 13 millóns de euros, dos cales case 12 millóns corresponden ás obras de construción propiamente ditas e o outro millón restante destínase a equipamento e gastos de funcionamento. Cómpre salientar que a apertura dos novos centros supón a creación de preto de 1.300 novas prazas para a escolarización de nenos e nenas nestes tres concellos. Ademais, o equipo de docentes estará formado por 79 profesores, 38 dos cales impartirán docencia no IES de Culleredo, 28 no CEIP de Nós en Oleiros e 13 novos no IES de Carral (que se sumarán aos docentes de secundaria que procederán do actual CPI Vicente Otero Valcárcel).

Deste xeito, coa súa posta en marcha o Goberno galego está atendendo ás necesidades educativas destes concellos da área metropolitana da Coruña, onde se está a experimentar un importante aumento da poboación desde hai anos e, deste xeito, unha maior demanda de prazas.

27 de marzo de 2015 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.