Belén do Campo apoia á labor da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA Coruña
A-
A+

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, visitou hoxe na Coruña a mesa informativa da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) instalada no edificio administrativo do Goberno galego en Monelos con motivo do día mundial destas doenzas, que se conmemorou o 28 de febreiro.

A máxima representante do Executivo autonómico na provincia trasladou aos representantes da entidade que preside Francisca Luengo o apoio á súa labor e aproveitou para facer un recoñecemento ao grande esforzo feito polos familiares destes pacientes e polos profesionais das asociacións nas que se integran, “cos que é necesario traballar”. Neste senso, Do Campo recordou que desde hai varios anos a Xunta colabora coa entidade a través das consellerías de Traballo e Benestar e de Sanidade.

Esta federación é a única de ámbito autonómico galego dedicada especificamente ás persoas que padecen estas doenzas. Constituída en 2009, Fegerec está integrada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, a Asociación Galega de Ataxia, a Asociación Galega de Fibrose Quística, a Asociación Galega de Lupus, a Asociación Coruñesa de Esclerose Múltiple, a Asociación Galega de Afectados de Retinose Pigmentaria, a Asociación Galega de Linfedema e a Delegación Galega da Asociación Nacional de Amigos de Arnold-Chiari.

2 de marzo de 2015 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.