Beatriz Mato pon en valor os beneficios das políticas activas de emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, puxo hoxe en valor os beneficios das políticas activas de emprego de cara a incrementar as oportunidades de emprego dos galegos e galegas e a equiparar, na medida do posible, a oferta e a demanda de emprego.

Así o detallou hoxe durante a conferencia que impartiu ante o alumnado da Escola de Relacións Laborais da Universidade da Coruña (UDC). “En épocas de crise as políticas activas convértense nunha excelente ferramenta para conter a destrución de emprego e para a recolocación de desempregados. En momentos de crecemento, este será tanto máis sólido canto máis fortes e arraigadas estean estas políticas na sociedade”, apuntou.

A mellora da empregabilidade que se deriva da participación en políticas activas de emprego “resulta aínda máis crucial se falamos de colectivos que, por diferentes razóns, atopan maiores problemas para o acceso ao mercado laboral”, como as persoas en risco de inclusión, con discapacidade, parados de larga duración, ou a propia mocidade, na que se detectan altos índices de desemprego.

Precisamente para axudar dun xeito específico a estes colectivos, o Goberno galego está a poñer en marcha diversas ferramentas. Entre outras, Mato citou: a orde de contratación de perceptores da RISGA, cun orzamento de 10 millóns para este ano; un investimento de 17,7 millóns de euros en 2015 para fomentar o emprego entre as persoas con discapacidade; o sistema de Garantía Xuvenil, recentemente presentado, e o Plan de Emprego Xuvenil, xa posto en marcha o pasado ano; ou o Programa extraordinario de activación para o emprego, destinado a parados de longa duración con cargas familiares.

Todas estas planificacións, explicou Mato, xiran ao redor de diversas medidas concretas como a formación homologada e certificada, que supón practicamente o 100 por cento dos cursos que oferta actualmente a Administración autonómica; ou como a acreditación da experiencia laboral. Destacou tamén outras actuacións como os obradoiros de emprego, os programas integrados, ou a formación dual

“En definitiva, desde a Consellería estase apostando polo desenvolvemento de políticas activas de emprego eficientes, ligadas ás necesidades laborais propias da comunidade autónoma”, afirmou. Neste sentido, considerou que “un dos mellores instrumentos para ligar oferta e demanda laboral é a concertación no seo do diálogo social”.

5 de marzo de 2015 | 20:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.