Beatriz Mato pon en valor a colaboración entre Arteixo e FAO para prestar novos servizos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaArteixoLocal Portada
A-
A+

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, puxo hoxe en valor a colaboración entre o concello de Arteixo, a Fundación Amancio Ortega e o propio departamento autonómico de cara a prestar novos e mellores servizos aos cidadáns.

Así o destacou durante a presentación en Arteixo do proxecto das que serán as futuras instalacións da residencia e centro de día, e da escola infantil da localidade. “Unhas novas infraestruturas modernas e funcionais que van contribuír ao benestar dos cidadáns e cidadás deste concello”, subliñou.

Estas instalacións estarán situadas nunha parcela de titularidade municipal de 8.000 metros cadrados situada xunto ao paseo fluvial de Arteixo, entre a igrexa e o centro de saúde. A súa construcióne equipamento suporán un investimento duns 9 millóns de euros, e un mantemento superior aos dous millóns de euros, dos que a Xunta achegará o 50 por cento.

A escola infantil de 0-3 anos disporá dun total de 82 prazas, que se sumarán as 102 coas que xa conta o centro da Galiña azul que funciona actualmente en Arteixo. Pola súa banda, o centro de atención a maiores disporá de 64 prazas de atención residencial e 40 de atención diúrna.

De feito, Mato indicou que a posta en marcha de prazas públicas en escolas infantís de 0 a 3 anos é un dos obxectivos fundamentais do Plan de Dinamización Demográfica de Galicia, que conta con 69 medidas, e que pretende mellorar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos galegos e galegas.

Así mesmo, enmárcase na aposta da Xunta de Galicia pola conciliación da vida familiar e laboral. “É obriga de todos poñernos ao fronte deste problema”, sinalou e fixo fincapé en que servizos públicos como os que hoxe se presentaron en Arteixo favorecen esa dinamización

Con estas novas infraestruturas, a Fundación Amancio Ortega continúa coa execución do compromiso adquirido coa Xunta de Galicia polo cal a institución achegará máis de dez millóns de euros para a construción de nove escolas infantís nos municipios da Coruña, Arteixo, Cambre, Ferrol, Lugo, Melide, Ourense, Santiago e Vigo.

“A nosa é unha sociedade que se preocupa en primeiro lugar polas persoas e as familias”, apuntou Mato, quen destacou que este é “desde o primeiro día, o obxectivo da Consellería de Traballo e Benestar”. Por iso, o departamento ten creado máis de 7.800 prazas públicas en centros para persoas maiores, con discapacidade, e para nenos e nenas de 0-3 anos, “case un 50% máis das que había en 2009”. Mato destacou que non se trata só de crear, senón que o mantemento destas novas prazas supón un investimento anual de 49 millóns de euros.
 

12 de marzo de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.