Beatriz Mato aposta pola conciliación e a responsabilidade para facer fronte ao problema demográfico
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, apostou hoxe, ante axentes sociais e económicos, pola “conciliación, responsabilidade, cooperación e concertación” co fin de facer fronte ao reto demográfico, un “desafío estrutural” que precisa de medidas máis alá do curto prazo e do esforzo “de todos”.
Así o destacou hoxe durante a inauguración na Coruña da primeira das xornadas demográficas provinciais “Conciliación, demografía e empresa” que o departamento autonómico está a organizar co fin de establecer sinerxías entre administracións e axentes sociais e económicos, unha “tarefa esencial” na loita contra a crise demográfica.
Recordou que a situación da evolución da poboación galega é de “alerta vermella”, e que “co ritmo actual, dentro de 35 anos, Galicia podería ter menos habitantes dos que tiña en 1990”.
A este respecto, considerou que “falar do reto demográfico e intercambiar ideas é o primeiro paso para darlle unha solución”, e lembrou que ela mesma xa tivo a oportunidade de expoñer esta problemática en foros como o Senado, o Comité das Rexións en Bruxelas, xornadas internacionais, ante Comisarios europeos, e ante responsables doutras rexións da UE.
Ademais de expoñer a situación, conseguíronse outros logros relevantes como activar a Comisión de demografía no Parlamento galego; realizar a Enquisa sobre o cambio demográfico; poñer en marcha do primeiro Plan de dinamización demográfica de Galicia, que xa está executado nas súas dúas terceiras partes; ou liderar a creación dun Foro de rexións con desafíos demográficos (FREDD) xunto con Asturias, Castela e León, Castela A-Mancha, Estremadura e Aragón.
A xornada que se celebra hoxe céntrase especialmente na “corresponsabilidade e a conciliación”, un aspecto, a xuízo de Mato, “fundamental”. De aí que apostara por que o Goberno galego siga poñendo a disposición das persoas que desexen ser pais e nais “todas as facilidades, apoios socioeconómicos e instrumentos de conciliación necesarios”.
Neste sentido, explicou que os expertos coinciden en que as actuacións en materia de conciliación da vida laboral, familiar e persoal “son as máis efectivas” para lograr o fomento da natalidade. De feito, hai estudos realizados en países do contorno que vinculan directamente o aumento da ratio de cobertura de escolas infantís públicas co incremento do índice sintético de fecundidade.
Apoio á natalidade
De aí que o Goberno galego teña centrado gran parte dos seus esforzos en iniciativas relacionadas con esta materia. Entre outras, citou o incremento dun 70% das prazas (3.800 máis en termos absolutos) en escolas infantís nos últimos cinco anos; e o aumento da dedución fiscal ata os 1.200 euros anuais no caso do segundo fillo e ata os 2.400 no caso do terceiro ou sucesivo. Este incremento farase extensivo ás familias galegas que non teñen obriga de presentar a declaración da renda e que tampouco a presenten voluntariamente, xa que percibirán unha contía equivalente á dedución fiscal. Deste xeito, Galicia situarase á cabeza de todas as autonomías en beneficios fiscais en materia de natalidade.
Lembrou tamén a futura posta en marcha nos próximos meses do Observatorio galego de dinamización demográfica, cuxo obxectivo é converterse nun centro de referencia a nivel rexional e pioneiro a nivel estatal.
Tamén se ten incluído, de forma pioneira, un módulo transversal optativo nos cursos de formación para o emprego en materia de sensibilización demográfica. Ademais, Galicia, a través da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, forma parte da Comisión nacional para a racionalización de horarios españois, que promove medidas para conseguir uns horarios laborais que permitan a conciliación e a calidade de vida dos traballadores e traballadoras.
Ademais, Mato salientou que a Xunta está poñendo en marcha mecanismos para favorecer a conciliación do persoal da Administración autonómica, como a flexibilidade horaria ou o teletraballo, aos que xa se teñen acollido máis de 7.000 empregados públicos.
Xornadas provinciais
A xornada celebrada hoxe na Coruña é a primeira das que se van organizar nas catro provincias. A seguinte terá lugar na cidade de Lugo, o próximo 19 de marzo. Pola súa banda, Ourense acollerá esta actuación o 26 de marzo, e Pontevedra ao día seguinte, o 27 deste mesmo mes.











