Baltar: “Cooperativismo e produtos autóctonos reforzan a identidade e calidade do territorio”
O presidente da Deputación de Ourense e do Inorde, Manuel Baltar, dixo hoxe no marco do Salón Xantar 2015, nun acto dedicado ao cooperativismo e ás confrarías gastronómicas, que “o cooperativismo e os produtos autóctonos reforzan a identidade e a calidade dun territorio como a provincia de Ourense, onde o sector agroalimentario é estratéxico para a nosa economía.”
Baltar, quen estivo acompañado pola directora xeral de Traballo e Economía social, Carmen Bouso; o secretario de Estado de Alimentación de Portugal, Nuno Vieira, e o director de Xantar, Alejandro Rubín, entre outras autoridades, avanzou o novo proxecto que está a impulsar a Deputación de Ourense: a web “Saborea Ourense”, un novo portal de Internet que ten como obxectivo promocionar a gastronomía da provincia dende o punto de vista histórico, etnográfico e culinario.
“Este proxecto, promovido polo goberno provincial, nace do interese de poñer en valor a riqueza gastronómica da provincia de Ourense”, explicou Manuel Baltar, quen engadiu que para elo “estanse a clasificar os recursos existentes en materia de festas e eventos gastronómicos en todos os concellos coa finalidade de recoller o enorme potencial gastronómico que posúe a provincia de Ourense”.
Patrimonio gastronómico, produtos diferenciados, agricultura ecolóxica, produtos orgánicos e elaborados e razas autóctonas aparecen recollidos no proxecto “Saborea Ourense” que ademais é unha plataforma de información e coñecemento para os mercados alimentario e gastro-turístico.
“A Deputación de Ourense aposta por potenciar iniciativas que poñan en valor a nosa riqueza culinaria e gastronómica, o que unido ao termalismo e ao patrimonio cultural, natural e monumental, fai que teñamos inmellorables razóns para ofrecer calidade e singularidade a quen visita a nosa provincia”, afirma Manuel Baltar.
O presidente provincial tamén destacou o acordo que acadou recentemente co Ministerio de Industria, unha achega de 80.000 €, que a Deputación de Ourense destinará a financiar un proxecto de mellora da competitividade e innovación das Pemes do sector vitivinícola da provincia de Ourense adscritas ás catro denominacións de orixe ourensás: Ribeiro, Valdeorras, Monterrei e Ribeira Sacra. A acción principal é a creación do portal web “Enourense”, cumpríndose así un novo compromiso dos anunciados polo presidente Baltar no debate sobre o estado da provincia. A posta en marcha deste portal irá acompañada de iniciativas de apoio ás pemes e de estratexias de innovación, ademais de realizar unha diagnose do sector e poñer a disposición das empresas unha plataforma de comercio electrónico e accións de promoción e asesoramento para mellorar a competitividade do sector.
Ademais desta iniciativa, Baltar tamén dixo que o Inorde presentou as conclusións do estudo PROMERCADO, unha iniciativa que ten como obxectivo desenvolver accións que permitan impulsar a produción e comercialización dos produtos endóxenos da provincia dende o punto de vista empresarial, de análise de mercado e de cooperación intersectorial.
“Con este proxecto –segundo o presidente- Ourense busca futuro nas súas raíces e convértese nunha gran despensa onde os nosos produtos son un sinal de identidade nun sector –o agroalimentario- que é piar básico de desenvolvemento”. Tamén lembrou Baltar que a institución provincial está a traballar para facer realidade o que será o primeiro polígono empresarial relacionado con este sector, “o que permitirá potenciar nos mercados interno e internacional ás nosas empresas agroalimentarias coa comercialización dos produtos endóxenos da provincia de Ourense”.











