publicidade hoxe

“Babel. Canto de Sereas” en Cambados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCambados
A-
A+

O Colectivo Femme Fatale. Galicia presenta no Auditorio da Xuventude de Cambados o domingo 15 de marzo a obra “Babel. Canto de Sereas”. A representación terá lugar ás 19:00 h e a entrada ten un prezo de 6 € que poderán adquirise na propia billeteira do auditorio dúas horas antes da función.

ÚLTIMA FUNCIÓN DA TEMPORADA

A máis recente creación da man de Nelson Quinteiro e o Colectivo Femme Fatale chega ao Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados fechando así a súa temporada teatral na que ten circulado por prazas como o Teatro Colón da Coruña, Auditorio Municipal de Cangas do Morrazo, Salón García de Vilagarcía de Arousa ou Auditorio Municipal da Illa de Arousa.

Deste xeito a obra fecha temporada chegando á localidade natal do seu protagonista, Ademar Silvoso, nunha función que promete ser emocionante e na que contaremos co calor do numeroso público xa confirmado á representación.

A obra, unha “rara avis” no panorama teatral actual conta con 8 artistas sobre as táboas, e un respaldo unánime de crítica e público. Case un millar de personas teñen sido espectadoras desta montaxe, que moi pronto contará cunha versión cinematográfica, proxecto no que xa estamos a traballar de cara á súa estrea a principios de 2016.

O ESPECTÁCULO

Inspirado na estética e linguaxe cinematográfica de Won Kar Wai, Babel pivota arredor da creación literaria, as perversións sexuais e o suicidio como liñas dunha historia retrofuturista nunha cidade imaxinaria onde non existen as convencións sociais e onde as cousas se amosan tal e como son.
Deste xeito, a obra conta a historia dun escritor que chega á cidade illa coa idea de escribir unha novela pero sufre unha profunda crise creativa que o leva a buscar historias por sí mesmo.
É entón cando coñece a Carmen “a coleccionista”, unha muller que lle ofrece convertirse en mozo de compañía para así acceder ás vidas de todas as mulleres que pasen polas súas sábanas e ter combustible para as súas novelas.
As cousas comezan a ir moi ben, ata que o escritor coñece a Diana, enigmática e críptica e comeza a enamorarse.
É entón cando os ciumes das súas amantes e sobre todo de Carmen e as pantasmas dunha terrible historia anterior que o fixo escapar a Babel comezarán a acechar ao escritor.

“Babel. Canto de sereas” é unha obra de cabaré contemporáneo onde o xénero é revisitado ofrecendo coreografías e escenas de alta carga erótica e visual pero ao mesmo tempo narrando unha historia lineal que reflexiona sobre temas como a creación literaria, o tormento creativo, as perversións sexuais ou o suicidio.

Ó mesmo tempo supón un exercicio de meta-literatura, onde o escritor (interpretado por Ademar Silvoso) e a personaxe (interpretado por Santiago García Telmo) mestúranse até difuminar os límites, atraídos por un coro de sereas interpretado por Olga del Río (Carmen, a coleccionista), Alba F.Troiteiro (Diana, enigmática e críptica) Paloma Saavedra (a musa), Rocío Romero Otero (Elia, a diva) ou Arantxa Treus (Nerea, trapichera, politoxicómana, adicta as ácidos lisérxicos e sadomasoquista).

A COMPAÑÍA

Despois de oito anos de traxectoria a Compañía Femme Fatale dá un xiro na súa traxectoria e convértese no COLECTIVO FEMME FATALE, unha entidade artística con residencia na sala SALASON de Cangas do Morrazo. Este cambio de residencia e de fundamento faise para adaptarse ao actual panorama escénico galego optando por solucións máis imaxinativas e máis colectivas.
O Colectivo Femme Fatale nace despois dun curso casting realizado pola Consultora Cultural TIL DIACRÍTICO en Pontevedra en maio de 2014.
Contando coa dirección escénica de Nelson Quinteiro, este colectivo, que agrupa a un grupo de artistas con residencia na área de influencia de Pontevedra-Vigo, vén a presentar a súa primeira obra dentro desta nova andaina, baixo o título “Babel. Canto de sereas”.
Na estela de linguaxes anteriores de Nelson Quinteiro como “Varadas” (2008) ou “As Nenas Perdidas” (2011), en “Babel. Canto de sereas” abórdase unha reconstrución do xénero creando unha historia na que A CIDADE é o que simboliza o cabaré.

 

 

13 de marzo de 2015 | 10:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.