Axentes públicos e privados reúnense para planificar a décima edición de Nortrans
Axentes públicos e privados relacionados co sector do transporte e a loxística en Galicia reuníronse esta mañá en Expourense para planificar os detalles da que será a 10ª edición de NORTRANS. De carácter bienal, o Salón do Transporte e a Loxística regresa ao calendario feiral os días 26 e 27 de xuño de 2015 consolidada como punto de encontro profesional do noroeste peninsular. Xa confirmaron a súa presenza importantes empresas do sector do transporte de vehículos tanto de mercadorías como de viaxeiros, ou de servizos e loxística.
Desde o comité asesor traballarase para reforzar o papel de NORTRANS como centro de negocios que permita aos expositores establecer novos contactos comerciais, pero sobre todo, facilitar un espazo de debate ente os distintos axentes para potenciar fórmulas que desenvolvan un sector sustentable.
Como é habitual, de forma paralela á feira, celebraranse as Xornadas Técnicas sobre Transporte de Viaxeiros e Mercadorías e que adoitan contar cunha participación entre activa dos empresarios, xa que as utilizan como foro de debate sobre a actualidade do sector. Durante esta reunión recolléronse as principais preocupacións dos membros do comité para que sexan abordadas nesta actividade como poderían ser a mobilidade sustentable, o transporte metropolitano, o futuro do transporte escolar e rural ou a devolución do céntimo sanitario.
Internacional a efectos aduaneiros
NORTRANS 2015 conta ademais co selo de Internacional a Efectos Aduaneiros outorgado polo Ministerio de Economía e Competitividade. Trátase dun concepto que fai referencia a que os expositores que participen nunha feira internacional a efectos aduaneiros teñen unha serie de vantaxes entre as que destaca que a mercadoría importada temporalmente para ser exposta no certame correspondente, goza de exención total de dereitos de importación estando exenta ademais do pago do IVE.
Comité Asesor
O comité asesor de NORTRANS integra a todos os axentes socioeconómicos vinculados ao sector do transporte, públicos e privados, e relacionados tanto co de mercadorías como co de viaxeiros. Están representados neste Comité as principais asociacións profesionais de Galicia (ANETRA, FEGABUS, FEGATRAMER, TRANSGACAR, ORENCAR, APETAMCOR, ATVCO, AETRANS, ACOAG, FEGATRAVI, a Asociación Empresarial de Autotaxis e Autoturismo de Ourense, a Asociacion de Concesionarios de Galicia-ACOAG, Federación de Autónomos do Taxi, Asociación Empresarial de Transportes Urbanos, Asociación Empresarial de empresas de aluguer de Vehículos), a Asociación Nacional de Vendedores de Vehículos a Motor GANVAM, e empresas do sector privado vinculadas co transporte e a loxística. Tamén participa neste comité o Cluster da Loxística, Mobilidade e Transporte de Galicia. No relacionado aos axentes públicos, participan no comité entidades como a Dirección Xeral de Mobilidade integrada na Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou o Ente Público Portos de Galicia da Consellería de Mar, a Concellaría de Medio Ambiente e Mobilidade de Ourense e a Cámara de Comercio de Ourense.