publicidade hoxe

Autorízase a sinatura do convenio para mellorar a praza de abastos de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A Xunta de Galicia está a impulsar a modernización das prazas de abastos galegas como eixes vertebradores das economías locais. Neste eido o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura do convenio de colaboración do Goberno galego co Concello de Ourense para desenvolver as obras de mellora da praza de abastos municipal.

Deste xeito, a Consellería de Economía e Industria, na súa vontade de apoiar a reforma da praza, reserva para a realización dos traballos preto do 60% dos case 100.000 euros do custo do proxecto, dentro da súa estratexia de apoio ao comercio de proximidade e o impulso das prazas de abastos como elemento dinamizador das vilas e cidades galegas. Neste sentido, as actuacións que se desenvolverán permitirán substituír o pavimento interior da planta de carnicería e peixaría e a instalación dun novo ascensor, co obxectivo de reforzar o papel da praza como motor comercial de Ourense.

A Xunta segue así a colaborar co desenvolvemento do comercio local do concello como un dos eixes vertebradores da súa actividade económica. Así, o investimento previsto na praza súmase aos máis de tres millóns de euros que o Goberno galego leva destinados ao impulso do comercio de proximidade ourensán desde o ano 2009.

Neste contexto, a Consellería de Economía e Industria está a potenciar as prazas de abastos co obxectivo de consolidalas como líderes na venda de produtos frescos e de calidade, dando resposta ás novas necesidades dos consumidores ao tempo que se mantén a súa esencia, centrada na calidade, a diversidade e a atención ao cliente.

Os mercados teñen un valor estratéxico para o comercio de proximidade, e por iso a Xunta facilitou nos últimos anos actuacións en máis de 80 mercados, con apoios que superan os 17 millóns de euros. Ademais, estase a traballar na posta en marcha da Rede de Mercados Excelentes.

O apoio ás prazas de abastos é un dos eixes específicos da estratexia de apoio ao sector comercial da Consellería de Economía e Industria, que no que levamos de ano leva activados programas de apoio por 7,6 millóns de euros, centrados ademais de no impulso aos concellos na mellora dos mercados, no apoio ao asociacionismo comercial, a innovación e a modernización.
 

26 de marzo de 2015 | 17:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.