Asime organiza encontros para a reindustrialización na Coruña
A Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (ASIME) organiza durante este ano 2015 unha serie de encontros empresariais baixo o título de “Encontros para a Reindustrialización”. O primeiro destes encontros tivo lugar o 19 de febreiro en Vigo e contou coa asistencia de máis de 150 empresarios, representantes do Sector Metalúrxico Galego.
Seguindo cos encontros programados, netamente empresariais, o próximo mércores, 18 de Marzo, celebrarase no Hotel Hesperia Finisterre (A Coruña) un “Encontro para a Reindustrialización”.
Neste encontro tamén se contará con representantes de empresas de relevo de ámbito galego. Os relatores farán referencia ás barreiras e dificultades existentes para fomentar un maior desenvolvemento industrial así como propostas para promover a industria.
Os Encontros xurdiron dada a situación pola que atravesa a industria española en xeral, e, en particular a industria galega e o sector metalúrxico. Teñen como obxectivo principal dar a coñecer as potencialidades de desenvolvemento desta industria e as oportunidades de negocio desta, co fin de reindustrializar Galicia que no ano 2007 chegou a representar o 21% do PIB galego.
O Sector Metalúrxico Galego representa o 16% do PIB en Galicia, emprega 55.306 persoas cunha facturación de 12.911,40 millóns de euros (dato do 2013) e engloba actividades como: automoción, transporte e metalmecánica, construción e reparación naval, construcións e estruturas metálicas, fundición, aeronáutica, fabricación e deseño de moldes e matrices etc.











