Asesoramento aos comerciantes ourensáns sobre a normativa co obxectivo de mellorar a calidade e o servizo aos consumidores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, participou este serán na Confederación de Empresarios de Ourense na primeira das xornadas da iniciativa O teu comercio mellora cumprindo, coa que a Consellería de Economía e Industria asesora e informa aos comerciantes sobre os principais aspectos da normativa de aplicación, co obxectivo de continuar mellorando a calidade do sector comercial galego e o servizo que se presta aos consumidores.

No encontro informouse sobre os horarios comerciais, as promocións de vendas; as follas de reclamacións e garantías e os prezos e medios de pagamento, eidos que centran tamén un folleto informativo destinado aos profesionais que se vai difundir en colaboración con asociacións do sector nas vindeiras semanas.

Para avanzar no cumprimento da normativa comercial, a Consellería de Economía e Industria vén de poñer en marcha o primeiro Plan Anual de Inspección Comercial, co obxectivo de maximizar a eficacia e eficiencia da actividade inspectora, e potenciando, igualmente, a actuación que vén desenvolvendo a inspección de comercio na súa vertente de apoio e asesoramento ao sector; así como na súa labor preventiva para corrixir determinados incumprimentos e mellorar aspectos da súa actividade en beneficio das persoas consumidoras.

O desenvolvemento do plan anual de inspección permite facer fincapé no control daqueles aspectos da normativa comercial en que poida existir un maior grao de incumprimento, o que redunda nunha maior seguridade xurídica de todos os axentes do sector e das persoas consumidoras e usuarias.

18 de marzo de 2015 | 20:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.