As vítimas de Angrois reúnense este xoves coa ministra de Fomento
Vítimas do accidente do Alvia en Angrois acontecido o 24 de xullo de 2013 prevén reunirse este xoves coa ministra de Fomento, Ana Pastor, á que queren trasladar unha serie de problemas detectados na atención a unha decena de vítimas, ademais da situación dun home que faleceu despois do sinistro ferroviario e o recoñecemento do cal se atopa en instancias xudiciais.
A asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155 tramitou o encontro coa titular de Fomento, que está previsto para as 17,00 horas e ao que acudirá unha delegación composta por 12 persoas, entre elas o voceiro do colectivo, Jesús Domínguez, e a integrante e deputada da Asemblea de Madrid Teresa Gómez-Limón, que deixou o PP por discrepancias co partido en torno á investigación dos feitos.
A creación dunha comisión de investigación é, precisamente, unha das principais reclamacións dende a constitución desta plataforma, que este xoves pretende volver poñer a demanda sobre a mesa do Ministerio de Fomento, despois de entregar recentemente máis de 100.000 sinaturas no Congreso dos Deputados co mesmo fin.
Farao mediante a entrega dun escrito no que inclúe cinco esixencias, entre elas a demanda de resolución dos problemas na atención a afectados e a comisión de investigación.
“INDIGNACIÓN E DOR”
O paso do tempo non reduciu a sensación de “indignación” e “dor” entre as vítimas, segundo destaca Jesús Domínguez, quen, en declaracións, subliña que acoden ante Fomento para “esixir explicacións”, xa que a ministra, no seu día en sede parlamentaria, fixo promesas que “incumpriu”.
Así, detallarán os casos que atinxen a unha decena de vítimas con secuelas tras o descarrilamento na Grandeira –onde morreron 79 persoas– e resaltarán ante Pastor que non queren “falar coa oficina de atención de Renfe nin coas aseguradoras”. O que perseguen é unha intermediación directa do departamento ministerial para solucionar estes problemas nun prazo de 15 días.
O escrito da asociación incorpora os nomes e apelidos e circunstancias concretas que sofren algunhas vítimas, dende dúas rapazas ás que o seguro non lle cobre a asistencia psicolóxica ata outra que está a pagar do seu peto a fisioterapia e outras que deben asumir o custo por desprazamento ata a localidade onde reciben a terapia.
“A ministra prometeu no seu día que non ía haber ningún problema. Que cumpra a súa palabra”, destaca Jesús Domínguez, antes de comentar que hai afectados que rexeitaron asistir á cita porque “están moi enfadados” coa actuación gobernamental en relación coa xustiza á hora de favorecer que saiba “toda a verdade” sobre as causas do accidente.











