publicidade hoxe

As verteduras de hidrocarburos na ría do Burgo repítense en determinadas épocas do ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Europa Press

A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, dixo que polo momento se descoñece a orixe da vertedura de hidrocarburos rexistrada na ría do Burgo e inmediacións da Coruña que obrigou ao peche preventivo para a actividade marisquera, aínda que informou de que estes se repiten en “determinadas épocas do ano”.

“Non sabemos a orixe da vertedura, o que si sabemos é que determinados hidrocarburos incrementan os seus valores en determinadas épocas do ano”, explicou a preguntas dos medios este luns en Santiago de Compostela.

Así, indicou que se procedeu ao peche ao marisqueo porque “hai uns puntos”, non solo na ría do Burgo, senón tamén da Coruña, que “excedían dos valores límites” fixados polo último regulamento da UE, que “baixou os niveis de hidrocarburos que son admisibles nos moluscos bivalvos”.

Ao respecto, garante que no Instituto Tecnolóxico do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) faise seguimento de “tódolos parámetros que hai que analizar” e “fanse os controis coa periodicidade que establece o regulamento”.

Nesta liña, sinalou que “se veu detectando dende 2014 que, dependendo en qué época do ano se incrementan estes valores”. Sobre este extremo, remarcou que en febreiro se creou un grupo de traballo de persoas e servizos relacionados co control de verteduras e calidade das augas, “que están a traballar para determinar cál é a causa de que, en determinadas épocas do ano, se alcancen uns valores superiores aos establecidos nos regulamentos comunitarios” asegura, para determinar a orixe e a causa.

A preguntas sobre se hai previsións para poder volver abrir a zona ao marisqueo, dado que o sector se queixa de perdas por ser o segundo peche nun mes, Rosa Quintana respondeu: “Non teño unha bolita de cristal”. A isto, agregou que “dende hoxe á mañá estanse a tomar mostras e estase a colaborar coa confraría para recollelas o máis rápido posible”, nunhas probas cuxo resultados “tardan unha semana”.

Así mesmo, Quintana sinala que “cando unha zona se pecha se reforza a vixilancia” no marco dunha “loita constante contra o furtivismo”.

PECHE

A Consellería do Medio Rural e do Mar decretou o peche preventivo, para a actividade marisquera, da ría do Burgo-A Coruña pola presenza de hidrocarburos “en niveis superiores aos legalmente establecidos”, segundo recolle a resolución do Intecmar.

Esta resolución fíxose pública este luns despois de que nos controis efectuados por Intecmar se detectase uns niveis de hidrocarburos por enriba dos que fixa a lexislación de 2011 a este respecto.

Por este motivo, a resolución ditada polo Intecmar prohibe “cautelarmente” a extracción de moluscos en toda a zona comprendida entre a cala de Dexo e a punta de Alba. O peche afecta ao tramo comprendido entre a Torre de Hércules, Mera e a Ría do Burgo, segundo precisaron dende o colectivo de mariscadores.

En declaracións, un dos voceiros dos mariscadores da pé, Manuel Baldomir, alertou das “perdas” que isto pode supoñer para o sector “porque é a segunda vez nun mes”, sinalou despois doutro peche, durante quince días, en febreiro.

Ademais, indicou que a súa intención é que se determine “a que se debe este repunte”, engadiu tras precisar que tamén en febreiro se pechou pola presenza de hidrocarburos “que poden ser un perigo para a saúde”.

9 de marzo de 2015 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.